Novas

xoves, 15 de xullo de 2021

O Concello pedirá á Xunta un aumento dos fondos para rehabilitación nas ARI co obxectivo de que o investimento privado e o público sumen 7,4 millóns

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, informou en comisión de que, tal e como prevía o goberno local, a contía concedida polo IGVS na anterior convocatoria, moi inferior á que demandaba a Administración local, consumiuse en so catro minutos dende a apertura do prazo de solicitude


FERROL, 14 DE XULLO. O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, informou esta mañá en comisión de que o Concello incluirá na vindeira solicitude de fondos do Plan Estatal de Vivenda 2018-2021 un incremento moi significativo das contías destinadas ás áreas de rehabilitación integral (ARI) da cidade. Trátase dunhas axudas financiadas na súa meirande parte polo Estado e nunha proporción menor pola Xunta de Galicia, aínda que corresponde á Administración autonómica decidir as cantidades que lles corresponden a cada un dos Concellos que teñen subscritos os convenios entre as tres Administracións. Estes últimos son os que se encargan de xestionalas e atender a tramitación.

Reina explicou que o goberno local presentara ao IGVS para a anualidade 2020 unha proposta moi ambiciosa na que se prevía un gasto total de obra (investimento privado máis subvencións) de 6,9 millóns de euros. Pero o organismo autonómico contemplou unicamente un gasto de obra de 1,5 millóns para 50 intervencións, cunha previsión dun total inferior aos 333.000 euros para subvencións, facendo un reparto para todos os solicitantes “por igual, sen ter en conta a capacidade rehabilitadora da nosa cidade, o que nos obrigou a concentrar todas as actuacións nunha única área: Ferrol Vello-A Magdalena”.

Agora, a concellería de Urbanismo está tramitando a resolución desa convocatoria 2020, que abriu o prazo de presentación de solicitudes o pasado 15 de abril. “Nos primeiros catro minutos esgotáronse os fondos asignados ao convenio”, informou o edil antes de detallar que ata o momento xa se presentaron 63 solicitudes correspondentes a 122 intervencións, o que suma xa un gasto en obra próximo aos 4 millóns de euros. Detallou tamén que esas 122 propostas de intervención solicitadas supoñen un 144 % sobre as contías do convenio, “de modo que podemos considerar esgotadas as intervencións”. Outro dato que ofreceu é que a contía do investimento en rehabilitación neste momento respecto da previsión da Xunta é do 159,06 %.

 

Xeración de emprego

Así as cousas e “con estes antecedentes”, o Concello de Ferrol presentará unha nova solicitude para o 2021 coa que aspira a volver incluír todas as áreas de rehabilitación integral, que ademais de Ferrol Vello-A Magdalena son A Graña, Esteiro Vello e Recimil. Trátase de “aproveitar o potencial que a rehabilitación ten na nosa cidade, e tamén dende a perspectiva da xeración de emprego”, afirmou Julián Reina.

Se a distribución da convocatoria anterior obrigou a concentrar as actuacións na primeira (que na actualidade ten unha lista de espera de 72 intervencións e “deixa un saldo negativo de 2,4 millóns de euros para a cidade en canto a capacidade de rehabilitación”), sumado a que as outras tres áreas non puideron participar, o Concello márcase “un obxectivo alto” co fin de que se teña en conta “o prexuízo que para a recuperación da cidade supuxo a convocatoria 2020, que desincentivou a inversión privada en rehabilitación”. “Ferrol perdeu a oportunidade de gastar case dous millóns e medio máis en rehabilitación, con todo o que supón isto para a cidade”, insistiu o concelleiro de Urbanismo.

 

Proposta con 228 actuacións

A proposta para o 2021 que se lle vai presentar ao IGVS inclúe 228 actuacións con un importe de obra de 7,4 millóns de euros. A metade iría destinada aos barrios históricos de Ferrol Vello e A Magdalena.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar