Novas

xoves, 15 de xullo de 2021

A remodelación da estrada de acceso ao cemiterio de Serantes posibilitou a creación de 22 prazas de aparcamento para turismos e 3 para autobuses

O número de puntos de luz incrementouse nun 20 % entre a rotonda do centro de saúde e a igrexa, sen que aumentase o consumo enerxético, grazas a instalacións máis eficientes


A remodelación da estrada de acceso ao cemiterio de Serantes posibilitou a creación de 22 prazas de aparcamento para turismos e 3 para autobuses

FERROL, 15 DE XULLO. Os traballos que o Concello rematou recentemente na estrada de acceso ao cemiterio de Serantes posibilitaron a creación de 22 novas prazas de estacionamento para turismos, unha das cales, próxima á entrada peonil do camposanto, é accesible. A maiores, os autobuses que se acheguen ao camposanto disporán de tres espazos para aparcar. Son algúns dos detalles que o concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, e os representantes veciñais revisaron onte durante unha visita na que o edil tamén informou de que esta actuación incluíu un incremento dun 20 % nos puntos de luz, que pasan de 10 a 12 nese tramo, mentres que o seu consumo non aumentará, debido ao emprego de elementos con maior eficiencia enerxética.

A remodelación da vía, licitada no seu día por 181.330,60 euros, incluíu a construción de beirarrúas entre a rotonda do centro de saúde e a igrexa, posto que o primeiro obxectivo era mellorar a seguridade viaria na zona. Trátase dunha actuación contemplada no Plan de Obras e Servizos (POS+2018) da Deputación da Coruña nun espazo que o proxecto dividiu en dous tramos: o comprendido entre a glorieta e o inicio do camiño de acceso ao lugar de Aneiros e o que resta ata pasar o camposanto. Antes das obras o ancho da calzada ía dos 5,5 metros no primeiro tramo ata os 3,30 no acceso á igrexa, e carecía de beirarrúas e zonas habilitadas para o aparcamento de vehículos. Unha vez rematados os traballos, o primeiro tramo conta cunha beirarrúa de 1,80 metros, 2,20 para estacionamento lateral, dous carrís de 2,50 metros cada un e unha beiravía. No segundo dispón de 2,20 metros de ancho para estacionar a ambos lados, unha calzada de case 4 e unha beiravía de 2. O proxecto tamén incluíu unha nova tubaxe de PVC conectada ao saneamento de pluviais, a conexión da saída do cemiterio á rede de saneamento e augas fecais, ramplas nas beirarrúas e tamén a colocación de bandas de aviso nos cruces de peóns.

Durante a visita, concelleiro e veciños tiveron tamén oportunidade de comprobar a mellora executada pola concellería de Obras na beirarrúa que conduce ao campo de fútbol, onde ademais dun novo pavimento se instalou unha varanda metálica.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar