Novas

xoves, 15 de xullo de 2021

O Concello pon á venda as entradas para Jazz ao Norte

Pódense adquirir a través de Ataquilla.com ou, a partir de mañá, de xeito presencial no despacho do Teatro Jofre


O Concello pon á venda as entradas para Jazz ao Norte

FERROL, 15 DE XULLO. O Concello de Ferrol puxo esta mañá á venda as entradas para o festival Jazz ao Norte, un evento que unirá na cidade durante a última fin de semana de xullo a José James, Luísa Sobral, Andrea Motis e Antía Muiño. Poden adquirirse xa a través da plataforma Ataquilla.com, e a partir de mañá tamén se poderán mercar no despacho de billetes do Teatro Jofre, en horario de 10.00 a 14.00 de luns a venres. Motis abrirá o festival o xoves 29 no castelo de San Felipe, o venres 30 Sobral subirase ao escenario no cuartel de Dores e o sábado James pechará o programa no mesmo espazo. Os tres concertos serán ás 21.00 horas. As entradas saen á venda por 6 euros para cada recital, mentres que o abono de sábado e domingo terá un custo de 10 euros e o de tres días será de 14 euros. Ademais destes tres concertos, Muiño ofrecerá un espectáculo no centro urbano o sábado ás 13.00 horas. Este será de carácter gratuíto.

Jazz ao Norte presentouse o pasado venres na sala Carlos III de Exponav nun acto que contou coa presenza do alcalde, Ángel Mato; o almirante xefe do Arsenal Militar de Ferrol, Ignacio Frutos, e o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe. O evento nace co obxectivo de aproveitar unha identidade propia como a da cidade de Ferrol para incluír nel espazos tan singulares como son o cuartel de Dores e o castelo de San Felipe, onde terán lugar tres dos catro concertos que forman parte do cartel. Neste figuran nomes tan destacados no panorama jazzístico como son o estadounidense José James, que pechará o festival o sábado 31 no cuartel de Dores; a portuguesa Luísa Sobral, avaliada cun gran recoñecemento por parte da crítica e autora do tema co que o seu irmán gañou o festival de Eurovisión, que actuará no mesmo recinto o venres 30, e Andrea Motis, unha das intérpretes máis consolidadas do jazz nacional malia á súa xuventude. Ela será a encargada de abrir o programa o xoves 29 no castelo. O festival inclúe tamén un espectáculo no entorno urbano, nun espazo que se concretará nas vindeiras datas en función da evolución das restriccións sanitarias, posto que se trata dun concerto de carácter gratuíto e que está previsto para o sábado 31 ao mediodía. Estará a cargo de Antía Muíño, un dos grandes valores do jazz galego actual e que chegará a Ferrol só uns días despois de pasar polo Festival de San Sebastián.

 

“Unir música e patrimonio”

Trátase dun cartel que aposta pola calidade, segundo destacou o alcalde, e que permitirá á cidade “subir un chanzo dentro do panorama deste xénero” á vez que se exhibe unha urbe “moi vinculada á súa historia, pero tamén aberta a novas tendencias”. Ángel Mato asegurou que o festival “foi concibido para unir música e patrimonio e poñer a este en valor”, motivo polo que o Concello apostou por solicitar a inclusión do cuartel de Dores entre os espazos para a súa celebración. “Encaixa á perfección nesta iniciativa”, afirmou o rexedor tras agradecer ao almirante e ao coronel comandante do Tercio Norte a súa boa disposición para facer posible a inclusión dese espazo no programa. Mato destacou a importancia de eventos coma este para afondar nos vínculos entre a cidadanía e a Armada, “xa de por si moi fortes”.

Insistiu nese agradecemento o concelleiro de Cultura, e explicou que a idea do festival comezou a madurarse xa o ano pasado, pero que debido á pandemia quedou entón aprazada. Para Golpe, o jazz tense convertido dende hai algúns anos “nun clásico” do verán en Ferrol, polo que neste momento se buscou “formular un reto maior e buscar un deseño de festival moi ligado ao territorio” e co que “presumir de patrimonio”. 

 

Compromiso da Armada coa cultura

Pola súa banda, o almirante expresou a súa satisfacción porque con esta colaboración móstrase a idea de que “a Armada é Ferrol e Ferrol é a Armada”. Por iso, incidiu no seu “compromiso total” e o da Armada á hora de impulsar “todas as iniciativas en beneficio de patrocinar Ferrol e a súa cultura”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar