Novas

venres, 16 de xullo de 2021

Ángel Mato: “Este orzamento é tremendamente ambicioso e ten como obxectivo reactivar a economía e xerar emprego”

O alcalde destaca que as contas aprobadas onte polo pleno da corporación son froito dunha negociación con todos os grupos “sen excepción” e que incluso recollen propostas do sector da oposición que non os apoiou, xa que, “por enriba dos intereses das forzas políticas, o importante é resolver os problemas”


Ángel Mato: “Este orzamento é tremendamente ambicioso e ten como obxectivo reactivar a economía e xerar emprego”

Tras a aprobación do orzamento municipal polo pleno da corporación, na sesión extraordinaria celebrada onte, o alcalde de Ferrol, Ángel Mato, cualificou esta mañá de “histórico” e “tremendamente ambicioso” un presuposto que ten como primeiro obxectivo, asegurou, “reactivar a economía e xerar emprego”. Tras a conclusión da misa do Carme na igrexa castrense de San Francisco e minutos antes de participar na cerimonia do Arsenal, o rexedor mostrouse “satisfeito” por que as contas saíran adiante co apoio dos grupos de Ferrol en Común e o Bloque Nacionalista Galego e quixo destacar os beneficios que este acordo significarán para Ferrol, xa que inclúen un capítulo de investimentos sen precedentes. “Debemos aproveitalo para que a cidade mellore. Iso é do que se trata”, afirmou Mato antes de indicar que vai poñer a traballar inmediatamente “a maquinaria do Concello co obxectivo de aliñarse co resto das Administracións públicas, que están facendo un esforzo enorme para reactivar a economía e xerar emprego”. 


“Penso que é un orzamento para a cidade, feito polos grupos representados no Concello. Por todos, sen excepción, porque nel recóllense incluso propostas do grupo do Partido Popular, como pode ser, por exemplo, a ampliación do cemiterio de Catabois, que foi incorporada”, explicou o alcalde. “Por enriba dos intereses das forzas políticas, temos que pensar en resolver os problemas da cidade na que fomos elixidos”, insistiu para poñer en valor os acordos como algo indispensable á hora de facer política. Por ese motivo, agradeceu a vontade negociadora de todas as formacións e moi especialmente o apoio prestado por Ferrol en Común e o Bloque Nacionalista Galego para que Ferrol conte cunhas contas que suman 86,9 millóns de euros.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar