Novas

luns, 19 de xullo de 2021

Mañá martes é o último día para solicitar as axudas do Concello á escolarización e as becas comedor

A contía da axuda á escolarización pasa dos 95 euros do pasado ano a 100 por neno, que deberán destinarse á adquisición de roupa deportiva ou material escolar, incluído novas tecnoloxías vencelladas ao estudio


O prazo para presentar solicitudes para as axudas á escolarización e as becas de comedor escolar que cada ano outorga o Concello de Ferrol, ambas para o próximo curso escolar 2021-2022, remata mañá martes incluído. A convocatoria pode consultarse no BOP no enlace (https://bop.dicoruna.es/bopportal/publicado/2021/07/06/2021_0000005467.pdf). 


A contía da axuda á escolarización pasa dos 95 euros do pasado ano a 100 por neno, que deberán destinarse á adquisición de material escolar —incluído novas tecnoloxías vencelladas ao estudo— e roupa deportiva. O orzamento destinado a estas axudas ascende a 90.000 euros, polo que chegarían a 900 menores, 379 máis dos beneficiarios do pasado curso, cando recibiron a axuda un total de 521 escolares. En canto ao orzamento das becas de comedor escolar, que cobren a totalidade do custe das comidas dos menores, é de 283.000 euros, 3.000 máis que o pasado curso, cando recibiron esta axuda 284 menores. As axudas están dirixidas aos menores de idade que residan en Ferrol matriculados nun centro de ensino da cidade para cursar educación infantil, primaria, secundaria, bacharelato, formación profesional básica ou formación profesional de grao medio. 

Os solicitantes deberán presentar a súa instancia coa documentación requirida no Rexistro Xeral do Concello ou tramitala por calquera das formas previstas no art. 16.4 da Lei 39/2015 de procedemento administrativo común das administracións públicas. Os interesados poden consultar as bases reguladoras no Taboleiro de Anuncios do Concello, no enlace: https://bit.ly/3hl5kNk.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar