Novas

luns, 19 de xullo de 2021

O Concello remata a primeira edición do programa de envellecemento activo ‘Movemos o corazón en Ferrol’ en parques biosaudables

Participaron 20 persoas, de entre 66 e 84 anos de idade, e desenvolveuse nos parques de Canido, Esteiro, Catabois, Caranza, Santa Mariña, Inferniño e no de Recimil. Entre o 7 e o 30 de setembro celebrarase outra edición, para a que se abrirá o prazo de inscrición no mes de agosto


O Concello de Ferrol vén de rematar a primeira edición do programa de envellecemento activo ‘Movemos o corazón en Ferrol’, que se desenvolveu entre o 15 de xuño e o 8 de xullo nos parques biosaudables de Canido, Esteiro, Catabois, Caranza, Santa Mariña, Inferniño e no de Recimil. Participaron 20 veciños de Ferrol de entre 66 e 84 anos de idade. 


Trátase dunha iniciativa deseñado pola concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, que desenvolveu Andaravía cada martes e xoves en dúas quendas. O programa repetirase no mes de setembro, para o que a finais de agosto se abrirá o prazo de inscrición con outras 20 prazas. A edil explicou que o programa nace co propósito de “paliar a inactividade da poboación maior da cidade por mor da pandemia, o colectivo máis afectado pola crise sanitaria, ao tempo que recuperar a súa actividade nos nosos parques biosaudables”. Desde o Concello “queremos promover que os maiores se animen a saír á rúa, sempre con precaución, para facer exercicio en compañía e mellorar tanto o seu estado físico como anímico”. 

O plan contempla sesións de 60 minutos cada unha e está dirixido a maiores de 65 anos empadroados en Ferrol e que non teñan patoloxía que lles impida realizar os exercicios que inclúe o programa, que se desenvolve ao aire libre sempre que o tempo o permita. Os participantes tamén reciben unha charla e consellos sobre nutrición. 

Promover o optimismo e o bo humor, claves para atrasar o envellecemento 
A edil lembrou que a práctica de exercicio físico “ten moitos beneficios, máis aínda para os maiores”, como a mellora do sistema circulatorio, a diminución das patoloxías crónicas, a mellora do equilibro, da mobilidade e da concentración, axuda a conciliar o sono, aumenta o optimismo e o bo humor e atrasar o envellecemento.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar