Novas

martes, 20 de xullo de 2021

O Concello edita unha nova guía turística que recolle a oferta para o verán

Xa están dispoñibles nas oficinas de turismo de Ferrol e en centros de información da comarca. Recolle horarios e contactos de visitas culturais, rutas guiadas pola cidade, paseos pola ría e de actividades deportivas na contorna, como vela, surf o bicicleta de montaña


O Concello edita unha nova guía turística que recolle a oferta para o verán

O Concello de Ferrol vén de poñer a disposición da cidadanía unha nova guía turística que recolle a oferta cultural, deportiva e de ocio prevista para este verán na cidade. A través da Sociedade Mixta de Turismo editouse un novo folleto a cor cos horarios, contactos e descrición da oferta en galego, castelán e inglés. 


A concelleira de Turismo, María Teresa Deus, explicou que nela se pode encontrar toda a información das rutas guiadas por Ferrol, como a Modernista teatralizada, polas Meninas de Canido, polo Arsenal, o Pazo de Capitanía, o Cuartel de Dores, o Estaleiro e polo Castelo de San Felipe. Tamén dos diferentes museos locais: o Naval, Exponav e o Museo de Historia Natural. A nova guía recolle tamén información sobre os paseos pola ría e das actividades de turismo activo, que inclúen vela, surf e bicicleta de montaña. 

As guías xa están dispoñibles en dúas oficinas de turismo de Ferrol —a da Praza de España e a do Peregrino, no porto de Curuxeiras— e tamén en puntos de información do resto de concellos da comarca. Tamén pode consultarse en PDF no enlace https://bit.ly/3xUDm0C

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar