Novas

martes, 20 de xullo de 2021

A adxudicación do aglomerado da avenida de Esteiro, pendente só da xustificación da baixa na que incorre a oferta máis vantaxosa

O proxecto inclúe a renovación do firme en todo o ancho da calzada, de sete metros por sentido de circulación, e ambas zonas de estacionamento, de dous metros máis a cada lado, para un total de 22.300 metros cadrados


A adxudicación do aglomerado da avenida de Esteiro, pendente só da xustificación da baixa na que incorre a oferta máis vantaxosa

A Mesa de Contratación Permanente do Concello de Ferrol celebrou esta mañá unha sesión na que se tratou a fase única do procedemento para adxudicar o proxecto de melloras no aglomerado da avenida de Esteiro, incluído no Plan Único de Concellos, POS adicional 2020, da Deputación. O órgano de asistencia procedeu á apertura das ofertas económicas dos licitadores interesados nunha actuación que conta cun orzamento de 243.982,16 euros (IVE incluído). Formalizado este paso, a proposta máis vantaxosa incorre nunha baixa que a empresa deberá xustificar. De ser así, quedaría proposta para adxudicación. 


Esta actuación afectará a tramo de preto dun quilómetro de lonxitude por cada sentido de circulación, o comprendido entre a glorieta do diapasón —que articula o tráfico entre Esteiro, Caranza e a Trincheira— e o cruce coas rúas Irmandiños e Taxonera, así como nas confluencias coas rúas adxacentes, cruces e rotondas. O proxecto inclúe a renovación total do pavimento e a sinalización horizontal. 

Trátase dunha das maiores arterias da cidade, polo que soporta un intenso tráfico de vehículos. Actualmente presenta un importante deterioro, polo que o goberno local decidiu incluír a súa reparación entre os proxectos do Plan Único de Concellos da Deputación, co fin de dispoñer do financiamento preciso para poder acometela. Ademais da actuación sobre o firme dos carrís de circulación, que ten sete metros de ancho por cada sentido, o proxecto inclúe tamén o aglomerado do espazo de estacionamento, de dous metros en cada lado. En total aglomeraranse 22.300 metros cadrados. 

Os traballos previos comezarán co fresado do trazado, que se dividirá en dous tramos. Por un lado o comprendido polas zonas deterioradas da vía principal e as súas conexións coas vías adxacentes, onde se utilizará unha mestura bituminosa en quente para posteriormente estender o novo pavimento de rodadura. Por outro, o espazo reservado ao estacionamento, onde se utilizará un novo pavimento formado por unha mestura asfática en quente. Ademais, as tapas dos rexistros adaptaranse á cota final da calzada. Unha vez rematado o novo asfaltado, procederase ao pintado, incluíndo pasos de peóns, aparcamentos, estacionamentos reservados para persoas con mobilidade reducida, zonas de carga e descarga así como a sinalización principal das liñas da calzada, frechas e símbolos. O prazo de execución dos traballos é de dous meses a partir da firma da acta de comprobación de replanteo.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar