Novas

xoves, 02 de setembro de 2021

O alcalde sinala na presentación do libro sobre o ferrolán Juan Flórez que Ferrol “e berce inesgotable de persoeiros” e destaca o seu labor na defensa do ferrocarril

O rexedor, Ángel Mato, estivo acompañado pola escritora de ‘Juan Flórez. El ferrolano que dejó atrás la Marola’, a xornalista Mercedes Puyol; a deputada provincial Ana Lamas e a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz


O alcalde sinala na presentación do libro sobre o ferrolán Juan Flórez que Ferrol “e berce inesgotable de persoeiros” e destaca o seu labor na defensa do ferrocarril

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, participou esta mañá no auditorio do centro cultural Torrente Ballester na presentación do libro Juan Flórez. El ferrolano que dejó atrás la Marola, da xornalista e investigadora Mercedes Puyol (Madrid, 1955), presente no acto. Acudiu tamén a deputada provincial, Ana Lamas, e a presidenta do Club de Prensa de Ferrol, Julia Díaz. 


O libro, editado polo Concello de Ferrol e o Club de Prensa coa colaboración da Deputación, publícase no 151º aniversario do falecemento do ferrolán Juan Flórez (9 de xaneiro de 1977-2 de setembro de 1870), alcalde da cidade da Coruña en dúas ocasións tras abandonar a súa carreira militar e gran impulsor da rede ferroviaria en Galicia. 

Na súa intervención, o alcalde destacou que Ferrol “é berce inesgotable de persoeiros”. Xusto no 151º aniversario do falecemento de Flórez, a xornalista Mercedes Puyol “atópanos con rigor e profundidade a un ferrolán pouco coñecido que, como moitos outros, exportou o talento que cultivou na cidade na que naceu e defendeu sempre que puido os intereses dos ferroláns”. A autora do libro preséntanos a un home “realista, pragmático, humilde, tenaz, activo e preocupado polo benestar dos seus veciños”, un home que, “como dixo a ilustre ferrolá Concepción Arenal con motivo da crise de subsistencias de mediados do século XIX, foi infatigable en aliviar tanta desolación”. Mato destacou a vixencia dos principais obxectivos de Flórez, os de “embelecer e dinamizar as cidades, mellorar as condicións de vida dos cidadáns e tamén a defensa do ferrocarril en Galicia”, posto que na actualidade a Administración traballa por “mellorar os pobos, por poñer en marcha políticas sociais, máis aínda na actual situación sanitaria, e por defender un novo trazado ferroviario entre Ferrol e Coruña que reduza o tempo de traxecto”. En definitiva, dixo, “o seu incansable empeño por traer o progreso a Galicia”. 

O rexedor agradeceu a colaboración do Club de Prensa de Ferrol para “poñer en valor” figuras importantes da historia da cidade e á Deputación da Coruña pola súa disposición na promoción da cultura. Por último, felicitou a Puyol polo 

“afecto e cariño” que demostra nas súas investigacións a cidadáns ferroláns. Pola súa banda, a deputada provincial e concelleira de Ferrol, Ana Lamas, destacou o labor de Flórez “na mellora da maneira de comunicar Galicia co centro da península, pero tamén intrinsecamente con outras zonas da nosa comunidade” por parte dunha figura “moi activa, cunha mente que endexamais descansaba e que participou de forma activa no desenvolvemento do ferrocarril”. 

Pola súa banda, Puyol, licenciada en Filosofía e Letras e Xornalismo pola Universidade Complutense de Madrid e investigadora de varias figuras ferrolás, agradeceu o apoio para desenvolver o proxecto e revelou o proceso de documentación que levou a cabo ata a redacción do libro. A presidenta do Club de Prensa de Ferrol agradeceu o intenso traballo da autora e incidiu na importancia de poñer en valor ás figuras da cidade.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar