Novas

venres, 03 de setembro de 2021

O Concello abre hoxe unha exposición no centro municipal Torrente Ballester polo centenario da Imprenta Paramés

O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, anunciou que se poderá visitar ata o próximo 24 de outubro


O Concello abre hoxe unha exposición no centro municipal Torrente Ballester polo centenario da Imprenta Paramés

O Concello de Ferrol abre hoxe unha nova exposición no centro municipal Torrente Ballester (rúa Concepción Arenal, s/n) titulada Paramés, 100 anos de imprenta en Ferrol sobre a traxectoria do establecemento ferrolán con motivo do centenario do seu nacemento o próximo mes de outubro. O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, anunciou que se poderá visitar ata o 24 de outubro. 


En 1921 Emilio Paramés abriu as portas na rúa Real da imprenta que leva o seu apelido. A exposición consta de dúas partes. A primeira é unha aproximación ao mundo da impresión que reflicte a súa importancia para a economía local durante o século XX. A través de maquinaria orixinal utilizada por Paramés, os visitantes poden achegarse á imprenta e tamén á súa influencia na sociedade ferrolá. Poden verse tamén distintas publicacións realizadas ao longo do século XX. 

A segunda parte da exposición nace do interese do fundador no mundo cultural, o que o levou a ter dous libros nos que lle dedicaban pequenos textos ou debuxos distintos persoeiros de gran relevancia na cultura de Galicia do século XX que pasaban pola imprenta, como Pepito Arriola, dedicatorias con textos de Xaime Quintanilla, Vicente Risco ou debuxos de Alfonso Castelao ou do propio Emilio Paramés, entre outros. 

O horario do centro municipal Torrente Ballester é de martes a sábado, de 11h a 14h e de 19 a 21 horas. Os domingos e festivos, de 11 a 14h. Luns, pechado. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar