Novas

luns, 06 de setembro de 2021

A Xunta de Goberno Local aproba a adxudicación do servizo de conservación e mantemento dos parques infantís, áreas biosaudables e de exercicio ao libre

O voceiro do goberno local, Julián Reina, anunciou esta mañá que o contrato inclúe a mellora dos preto de 50 parques infantís, os 10 dos CEIP da cidade, 11 biosaudables e o parque street workout de Canido


A Xunta de Goberno Local aproba a adxudicación do servizo de conservación e mantemento dos parques infantís, áreas biosaudables e de exercicio ao libre

A Xunta de Goberno Local aprobou esta mañá a adxudicación do servizo de conservación e mantemento das áreas infantís de xogos, áreas biosaudables e de exercicio ao aire libre da cidade por 569.808,40 euros polos dous anos de duración inicial do contrato, prorrogable por dous máis atendendo á fórmula 2+1+1, tal e como anunciou hoxe o voceiro do goberno local, Julián Reina. 


O obxectivo do contrato é que permanezan en perfectas condicións de seguridade e utilización, para o que se levarán a cabo todos aqueles traballos de mantemento, inspeccións e mellora das áreas e dos seus elementos, tarefas de hixiene, limpeza e asesoría técnica para que as instalacións sexan seguras para os usuarios, perduren no tempo, conserven e melloren o seu valor lúdico e estético, a súa integración na paisaxe e a súa comodidade, explicou o tamén concelleiro de Urbanismo. 

O contrato inclúe, entre outros traballos, a renovación de pintura e tratamento de superficies, o mantemento específico dos firmes de absorción de impactos, substituirase calquera elemento total ou parcialmente irreparable por outro das mesmas características, realizaranse actuacións de mellora, ampliación, modificación, retirada ou reforma dos xogos para alongar a vida dos elementos e levaranse a cabo controis de calidade e a pronta reposición de calquera peza.

Reina explicou que o prego inclúe todos os parques da cidade, en total máis de 70 entre os preto de 50 parques infantís, os 10 dos CEIP da cidade, 11 biosaudables e o parque street workout de Canido. 

Remate das festas de verán 
Por outra banda, o voceiro do goberno local agradeceu á veciñanza e á organización o cumprimento das normas covid nas máis de 20 actuacións das pasadas festas de verán e no festival Meninas de Canido 2021, que rematou onte. 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar