Novas

xoves, 09 de setembro de 2021

O Concello desenvolve o programa Teatro Veciñal, con obradoiros municipais no centro cultural Torrente Ballester e en Valón

O concelleiro de Cultura, Antonio Golpe, anunciou esta mañá que a iniciativa será de balde e o prazo de inscrición comeza o 13 de setembro e rematará o 15 de outubro. Os obradoiros, de balde, están dirixidos a persoas sen experiencia previa e celebraranse de 19 a 21 horas


O Concello desenvolve o programa Teatro Veciñal, con obradoiros municipais no centro cultural Torrente Ballester e en Valón

O Concello de Ferrol vai desenvolver entre os meses de outubro e maio o primeiro programa municipal de Teatro Veciñal, tal e como anunciou esta mañá o concelleiro de Cultura, Antonio Golpe. Trátase dunha iniciativa municipal que inclúe a celebración de dous obradoiros de teatro dirixidos a persoas sen experiencia previa dirixidos pola actriz e directora de teatro Helga Méndez, “ferrolá e gran embaixadora da nosa cidade”, apuntou o concelleiro. 


Golpe anunciou que co fin de facilitar o acceso á veciñanza, os obradoiros celebraranse de 19 a 21 horas os martes no centro cultural Torrente Ballester (rúa Concepción Arenal, s/n) e os venres no rural, no local da asociación cultural deportiva e recreativa O Cruceiro de Valón. Desde o Concello, dixo, “queremos facilitar o acceso” da cidadanía ás creacións artísticas de calquera disciplina posto que “contribúen ao desenvolvemento persoal, estimula o seu pensamento crítico e tamén a súa creatividade”. Neste caso, o Concello “va un pouco máis pouco máis aló, é dicir, tratamos de non só facilitar o acceso da cidadanía á recepción pasiva de contidos artísticos senón tamén fomentar a súa participación activa no feito creativo a través da práctica amadora, da formación artística ou da implicación no asociacionismo cultural”. O concelleiro incidiu no efecto beneficios que a participación cultural exerce nas persoas, un benestar “que buscamos para os nosos veciños”, e lembrou que o Concello celebra un dos ciclos de teatro amador máis veteranos de Galicia, ‘Domingos a Escena.’ 

Os obradoiros terán un enfoque práctico, orientado a crear de cero pequenas pezas de teatro, tomando como inspiración a historia, a identidade ou temáticas sociais relevantes daqueles territorios onde se realicen. Deste xeito os obradoiros abordarán todas as dimensións do feito teatral, da dramaturxia ao texto, do labor actoral ao deseño da escenografía, da iluminación ou do vestiario. 

Pola súa banda, Helga Méndez engadiu que para culminar o proxecto crearase de forma colectiva unha peza teatral por cada obradoiro que se representarán aberto ao público e nun espazo municipal a finais a principios de xuño. Entre os obxectivos do proxecto, dixo, están dar a coñecer o feito teatral desde dentro, en toda a súa riqueza e complexidade, contribuír a xerar novos públicos para o teatro, novos profesionais, descubrir o talento dos participantes, fomentar a práctica teatral amadora individual e integrala no grupo, entre outros.

Prazo de inscrición aberto desde o próximo luns 
O prazo de inscrición, de balde e para persoas a partir dos 16 anos, é desde o 13 de setembro ata o 15 de outubro a través do correo electrónico teatrovecinal@ferrol.es. Para obter máis información os interesados poden chamar de luns a venres de 10 a 14h e de 17 a 19h ao número de teléfono 600 115 174. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar