Novas

venres, 10 de setembro de 2021

O interese polo patrimonio histórico da cidade motiva o 44% das visitas a Ferrol

A concelleira de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus, fixo esta mañá balance do verán, cando accederon ao Castelo de San Felipe preto de 15.000 persoas. A edil indicou que no que vai de ano máis de 14.000 persoas buscaron información de Ferrol nas dúas oficinas municipais de turismo, das que 11.400 o fixeron en xullo e agosto, 800 máis que no mesmo período de 2019, antes da pandemia


O interese polo patrimonio histórico da cidade motiva o 44% das visitas a Ferrol

 O 43,9% das persoas que visitaron a cidade este ano o fixeron motivados polo patrimonio histórico que ofrece a cidade, tal e como anunciou esta mañá a concelleira de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus, segundo os datos recollidos nas dúas oficinas municipais de turismo, a de Praza de España e a do Porto de Curuxeiras. O 24,13% acudiu a Ferrol polos seus museos, preto do 23% pola súa oferta cultural, o 18,15% polas praias e natureza do municipio, o 11,12% pola ruta das Rías Altas e o 10% pola súa gastronomía. 


No que vai de ano máis de 14.000 persoas interesáronse por información de Ferrol nas oficinas municipais de turismo, das que 11.400 o fixeron nos meses de xullo e agosto, 800 máis que no mesmo período de 2019, antes de que a pandemia azoutase o sector turístico a nivel global. Hai dous anos as oficinas de turismo rexistraron 12.192 visitas en todo o ano mentres que no que vai de 2021 atendéronse xa preto de 2.000 máis, un total de 14.022 a falta do último catrimestre do ano. 

En canto á procedencia de visitantes deste exercicio, preto do 77% procedían de España —en primeiro lugar de Madrid, seguido de Andalucía, Galicia, Valencia e Castilla y León—. 

En canto ao turismo internacional, acudiron por orde de visitantes primeiro italianos seguidos de portugueses, alemanes e americanos. En canto ás visitas de peregrinos, dos 11.400 turistas deste verán, 4.708 solicitaron información para emprender o Camiño Inglés. Pola súa banda, dos 14.022 dos que acudiron ás oficinas de turismo no que vai de ano, 10.800 o fixeron por este motivo.

Preto de 15.00 visitas ao Castelo de San Felipe en dous meses 
A concelleira de Turismo revelou tamén que nos meses de verán visitaron o Castelo de San Felipe preto de 15.000 persoas, 5.500 en xullo e 9.250 en agosto, o que supón unha media diaria de 180 visitas diarias no primeiro mes e preto de 300 no segundo. Estes datos superan as cifras rexistradas tanto o pasado verán como o de 2019, antes da pandemia, o que demostra que o castelo “é un recurso turístico por excelencia”. A edil lembrou as últimas rehabilitacións desenvolvidas no castelo, como a da sala Cureñas ou a da torre da batería baixa, onde se habilitaron novas exposicións, están a motivar visitas na fortaleza. O horario para acceder ás mostras é o mesmo que o do castelo: de luns a domingo de 10 a 14h e de 16 a 20 horas. A concelleira tamén incidiu na dinamización da cidade durante o verán a través da hostalería, un sector “que rexistrou moi bos resultados”. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar