Novas

luns, 13 de setembro de 2021

O Concello iniciará o aglomerado da Avenida de Esteiro a comezos de outubro

O voceiro do goberno local, Julián Reina, anunciou hoxe a adxudicación do proxecto, que afectará a un tramo de preto dun quilómetro de lonxitude por cada sentido de circulación, o comprendido entre a glorieta do diapasón e o cruce coas rúas Irmandiños e Taxonera


O Concello iniciará o aglomerado da Avenida de Esteiro a comezos de outubro

O Concello de Ferrol vai iniciar o aglomerado da Avenida de Esteiro a comezos do próximo mes. Así o anunciou esta mañá o voceiro do goberno local, Julián Reina, tras a habitual Xunta de Goberno Local de cada luns, que aprobou a adxudicación o proxecto que recolle as melloras necesarias na vía. A intervención está incluída no Plan de Obras e Servizos (Pos+Adicional 2020) e conta cun importe total de 159.369,10 euros (con impostos). O prazo de execución é de dous meses, polo que estará rematado antes de que remate o ano. 


Reina lembrou que a Avenida de Esteiro é unha das maiores arterias da cidade posto que “soporta un intenso tráfico de vehículos”. O aglomerado afecta a un tramo de preto dun quilómetro de lonxitude por cada sentido de circulación, o comprendido entre a glorieta do diapasón —que articula o tráfico entre Esteiro, Caranza e a Trincheira— e o cruce coas rúas Irmandiños e Taxonera, así como as confluencias coas rúas adxacentes, cruces e rotondas. O proxecto contempla a renovación total do pavimento e a sinalización horizontal. Ademais da actuación sobre o firme dos carrís de circulación, que ten sete metros de ancho por cada sentido, o proxecto inclúe tamén o aglomerado do espazo de estacionamento, de dous metros en cada lado, apuntou Reina.

Esta intervención únese “ao aglomerado que hai uns meses rematamos en toda a Avenida do Mar, no barrio de Caranza”. Neste caso, en Esteiro, dixo, aglomeraranse 22.300 metros cadrados. 

Os traballos previos comezarán co fresado do trazado, que se dividirá en dous tramos. Por un lado, o comprendido polas zonas deterioradas da vía principal e as súas conexións coas vías adxacentes, onde se utilizará unha mestura bituminosa en quente para posteriormente estender o novo pavimento de rodadura. Por outro, o espazo reservado ao estacionamento, onde se utilizará un novo pavimento formado por unha mestura asfática en quente. Ademais, as tapas dos rexistros adaptaranse á cota final da calzada. Unha vez rematado o novo asfaltado, procederase ao pintado, incluíndo pasos de peóns, aparcamentos, estacionamentos reservados para persoas con mobilidade reducida, zonas de carga e descarga así como a sinalización principal das liñas da calzada, frechas e símbolos. 

Servizo de xestión de residuos de vertedoiros incontrolados 
O voceiro tamén informou que na Xunta de Goberno Local aprobouse a adxudicación do contrato correspondente á xestión de residuos, en concreto do servizo de xestión de residuos procedentes de vertedoiros incontrolados no municipio. O importe de adxudicación é de 125,34 euros/tonelada repartido nas anualidades de 2021, cunha dispoñibilidade de gasto de 5.968,53 euros, e para a anualidade 2022, con 11.937,05 euros. O prazo de execución do contrato será dun ano e poderá prorrogarse por outro ano máis. Está previsto que se poña en marcha antes do próximo 4 outubro. 

Por último, o voceiro felicitou ás rondallas, ao público e á organización da Noite das Pepitas, que se celebrou o pasado sábado na Praza de Armas e que transcorreu cumprindo as medidas covid. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar