Novas

mércores, 15 de setembro de 2021

Os socorristas municipais rescataron nas praias en xuño, xullo e agosto a 13 persoas, 7 delas, menores entre 6 e 15 anos

O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, informou esta mañá en comisión sobre as actuación levadas a cabo polo servizo de salvamento do Concello ata o pasado día 31


Os socorristas municipais rescataron nas praias en xuño, xullo e agosto a 13 persoas, 7 delas, menores entre 6 e 15 anos

O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, deu conta esta mañá na Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación dos dos servizos realizados polos socorristas municipais nas praias ferrolás durante os meses de xuño, xullo e agosto. As actuacións máis destacadas foron 13 rescates que se resolveron “satisfactoriamente, sen complicacións e sen necesidade de asistencia sanitaria, grazas ao bo traballo e á preparación dos profesionais do Concello”. 


A primeira asistencia a un bañista en apuros foi o 30 de xuño, cando un home avanzaba con dificultade en Doniños pese a que había bandeira verde. Os socorristas entraron na auga para garantir que volvía con seguridade á beira. Logo desta intervención, a máis sinxela, o 12 de xullo houbo que rescatar a un turista frances de 50 anos en San Xurxo. Ía equipado con bodyboard e aletas, pero quedou atrapado nunha corrente, que o levou cara as rochas. Actuou un membro do servizo de salvamento, que se botou á auga cun tablón de rescate para axudar á vítima a saír. 

O 18 de xullo, na praia de Esmelle, foron dous os rescatados. Había bandeira verde. Un home de 62 anos atopouse en dificultades debido ao cansancio. Non era capaz de volver á area e a súa filla tratou de axudalo, sen éxito. Ambos foron rescatados por socorristas, un deles equipado con tabló e outro con tubo.

Tres menores sen supervisión e un neno de 6 anos arrastrado pola corrente 
O mes rematou cunha grave situación de risco para tres menores, de 9 e 10 anos e de nacionalidade alemana. O día 31 introducíronse na auga en Esmelle con bodyboard e neopreno, pero sen supervisión de ningún adulto e nunha zoa de corrente sinalizada con cartel e bandeira vermella. Como eran incapaces de saír, acudiron dous socorristas, un con tablón e outro con tubo de rescae e aletas, que conseguiron sacalos da auga. 

Tamén correu perigo un neno de 6 anos nesa mesma praia poucos días despois, o 4 de agosto. O pequeno, de nacionalidade alemana, foi arrastrado pola corrente co seu paipo nun momento de despiste do seu pai. Un rescatador botouse á auga cun tablón e volveu con el á beira. 

Surfistas inexpertos 
O 6 de agosto, mentres ondeaba en San Xurxo a bandeira vermella, realizáronse tres rescates no prazo de media hora. En todos os casos tratábase de surfistas inexpertos atrapados pola corrente. Un era un rapaz de 19 anos residente en Madrid, e outras dúas, mozas de 15 anos con domicilio en Mallorca. 

A semana seguinte, o día 11, unha nena valenciana de 9 anos tivo problemas para no momento que deixou de facer pé mentres se bañaba na praia da Fragata. O socorrista que vixiaba na beira botouse ao mar e devolveuna á area. Nese momento había bandeira amarela. 

Finalmente, o 23 de agosto o que se atopou en apuros, na praia de San Xurxo, foi un kitesurfista suízo de 29 anos. A uns 400 metros da beira era incapaz de levantar a vela para regresar á praia. Acudiron a axudarlle dous socorristas, un con tablón de rescate e outro a nado, e conseguiron remolcar ao deportista ata a beira con todo o seu material.

Socorrismo ata a vindeira semana 
O concelleiro destacou que o servizo de salvamento e socorrismo de Ferrol é o único que segue funcionando en setembro e que aínda se vai prolongar ata a vindeira semana (ata o xoves 23). Ademais, este ano mantense por primeira vez tamén nas praias de Caranza e A Graña durante tres meses, ao igual que nas de mar aberto. O número de socorristas que compoñen o servizo é de 57, 12 máis que o ano pasado. 

Os equipos que supervisan as praias contan para o seu labor co apoio de medios de Protección Civil e outros contratados polo Concello, como é o servizo de ambulancia. Logo de pasar as probas para incorporarse ao equipo de socorristas, os seus membros recibiron formación adicional por parte de voluntarios de Protección Civil en aspectos tan importantes para o seu traballo como son as técnicas de primeiros auxilios.  





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar