Novas

luns, 20 de setembro de 2021

O Concello solicita á Xunta a declaración do barrio de Ferrol Vello como área de rexeneración urbana

O voceiro do goberno local, Julián Reina, indicou esta mañá que o fin é “contar con novos instrumentos de financiamento que se sumarán aos que xa ten en marcha o Concello”. Ferrol súmase mañá á celebración do Día europeo Sen Coches co peche perimetral do barrio da Magdalena e billetes de balde en catro liñas de transporte urbano co obxectivo de “contribuír no labor de concienciar sobre as consecuencias negativas do uso irracional do coche na cidade”


O Concello solicita á Xunta a declaración do barrio de Ferrol Vello como área de rexeneración urbana

 A Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá aprobou a solicitude de declaración de Ferrol Vello como área de rexeneración urbana de interese autonómico, o que se coñece como Área Rexurbe. Esta solicitude, indicou hoxe o voceiro do goberno local, Julián Reina, formúlase porque “Ferrol Vello cumpre todos os requisitos necesarios, como son tratarse dun conxunto histórico declarado ben de interese cultural, sufrir un proceso de degradación arquitectónica, experimentar un descenso demográfico ou padecer un descenso da taxa de creatividade. 


O que se pretende con esta solicitude, explicou, “é activar un novo mecanismo que temos á nosa disposición para reverter esa situación”. A declaración de Área Rexurbe “implica o acceso a novos instrumentos de financiamento que se unirán aos que agora mesmo o Concello ten xa en marcha no barrio, principalmente con investimentos directos e a través dos fondos europeos da EDUSI”. Por outra banda, a declaración de Área Rexurbe implicará a posta en marcha dun Centro Rexurbe que servirá de punto de información, asesoramento, xestión, seguimento e difusión. Estas medidas fixaranse a través dun convenio entre o Concello e o Instituto Galego da Vivenda e Solo e logo da presentación da solicitude ante o IGVS, a consellería emitirá os informes sectoriais e corresponderalle ao Consello da Xunta acordar a declaración de Ferrol Vello como Área Rexurbe. Reina lembrou que “esta solicitude é froito dun intenso labor desenvolvido pola área de Urbanismo logo de que o Concello, a Consellería de Territorio e Vivenda e o IGVS acordáramos traballar nesa dirección”.

Día europeo Sen Coche 
O Concello de Ferrol súmase á celebración da Semana da Mobilidade no marco da Semana Europea da Mobilidade coa posta en marcha de medidas dirixidas a sensibilizar sobre as consecuencias negativas que ten o uso irracional do coche na cidade, tanto para a saúde pública como para o medio ambiente, e os beneficios do uso de modos de transporte máis sostibles como o transporte público, a bicicleta e os desprazamentos a pé. A Xunta de Goberno Local aprobou o desenvolvemento de varias medidas dirixidas a promover a mobilidade sostible e fomentar o desenvolvemento de boas prácticas, tal e como anunciou Reina, quen lembrou que o tema elidido pola Comisión Europea para a campaña deste ano é ‘Mobilidade sostible, saudable e segura’ e o lema da campaña é ‘Pola túa saúde, móvete de forma sostible’.

O Concello de Ferrol mostra o seu compromiso neste ámbito con medidas tanto permanentes como temporais. No primeiro caso, indicou Reina, está a recente urbanización da rúa Carmen Curuxeiras, en Ferrol Vello, no que se incluíu a peonalización desta rúa, e na urbanización da rúa Espartero, que recolle a creación dunha Praza para peóns. En canto ás accións temporais con motivo da Semana Europea da Mobilidade, está previsto que mañá se celebre na cidade o ‘Día sen coches’ coa peonalización desde as 9.30 horas do barrio da Magdalena entre as rúas Igrexa, Sol, Arce e Lugo. Reina engadiu que tamén ao longo do día de mañá serán de balde os billetes de catro liñas de transporte urbano: B (Porto –Hospitais), C (Praza VellaCaranza), D (Canido- Hospitais) e F (Canido- Praza da Graña).

Hoxe tamén se aprobou unha modificación do Plan Estratéxico de Subvencións 2021-2023 no referente ao ámbito de acción social no senso de engadir unha nova liña estratéxica para o desenvolvemento do concurso anual ‘Curta coa Violencia’ na área de Igualdade dirixida a entidades ou particulares. O seu obxectivo é “·promover accións en contra da violencia de xénero e fomentar actividades e iniciativas que fagan fincapé no rexeitamento da violencia de xénero”, apuntou o voceiro. O certame conta cun orzamento de 1.200 euros anuais. 

Por último, Reina anunciou que aprobouse a prórroga do contrato do Servizo de limpeza e mantemento de cubertas e baixates nos centros educativos de infantil e primaria por un ano máis cun orzamento para 2021 de 18.492,33 euros e para 2022 de 21.022,24 euros.  




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar