Novas

venres, 01 de outubro de 2021

O Concello celebra o Día Mundial das Persoas de Idade co inicio do programa ‘Andanzas Naturais’

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, entregou esta mañá aos participantes na primeira actividade do plan exemplares do libro ‘Alameda Ilustradas’. Consistiu na visita ao Museo de Historia Natural, na praza de Canido, e a celebración dun obradoiro explicativo sobre residuos, o seu orixe, destino e as consecuencias da súa mala xestión


O Concello celebrou hoxe o Día Mundial das Persoas de Idade coa posta en marcha esta mañá do programa ‘Andanzas Naturais’, unha iniciativa municipal que consiste nunha batería de actividades de balde dirixidas ás persoas maiores de 60 anos da cidade que se alargará ata final de ano. A primeira celebrouse esta mañá no Museo de Historia Natural cunha visita ás instalacións e a celebración dun obradoiro explicativo sobre residuos, o seu orixe, destino e as consecuencias da súa mala xestión. A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, entregou esta mañá aos participantes nesta primeira actividade un exemplar do libro ‘Alamedas Ilustradas’ e o novo folleto editado polo Concello da renovada Ruta Modernista polos edificios de Rodolfo Ucha. 


A edil agradeceulles a súa participación e lembrou o resto de iniciativas do programa. ‘Andanzas Naturais oferta para o día 22 outra saída, neste caso á lagoa de Doniños e o 29 celebrarase a ruta Muíños de Esmelle. Xa en novembro, o día 5, percorrerase a enseada da Malata, o 19 a contorna da estación de bombeo e a depuradora e o 3 de decembro as praias de Sartaña e Ponzos. Entre os asuntos que abordarán durante as actividades están a evolución e modificación das paisaxes, os enclaves e lugares de interese que caracterizan á cidade e ao municipio de Ferrol, os xardíns históricos da urbe e doutras vilas veciñas e a conservación do medio e patrimonio natural. Os interesados en participar nestas actividades poden facelo a través do correo electrónico elopezl@ferrol.es ou no número de teléfono 981 94 42 35.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar