Novas

sábado, 02 de outubro de 2021

A nova plataforma dixital da Ruta Modernista elaborada polo Concello recibiu en cinco días preto de 1000 visitas

Os folletos, dispoñibles nas oficinas de turismo de Ferrol e na recepción do Castelo de San Felipe, dispoñen dun código QR que leva a un mapa coa relación dos 28 edificios do arquitecto Rodolfo Ucha e información tanto en texto como en audio en galego, castelán e inglés


A nova plataforma dixital da Ruta Modernista elaborada polo Concello recibiu en cinco días preto de 1000 visitas

A nova plataforma dixital presentada polo Concello de Ferrol a comezos de semana que da soporte á renovada Ruta Modernista recibiu desde o luns ata onte venres preto de 1000 visitas. Trátase dunha ferramenta que recolle a nova listaxe de edificios do arquitecto ferrolán Rodolfo Ucha (Vigo, 1882-Ferrol, 1981), en total 28, divididos nos 17 inmobles estritamente modernistas (entre 1909 e 1916), e os 11 dun estilo que evoluciona cara ao neoeclecticismo (entre 1918 e 1927). 


As concelleiras de Turismo, María Teresa Deus, e a de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, presentaron o pasado luns, con motivo do Día Mundial do Turismo, a nova plataforma, á que se accede a través do código QR que se atopa nos novos folletos informativos que xa se poden recoller nas oficinas de turismo de Ferrol e na recepción do Castelo de San Felipe. Tamén está dispoñible na web modernismo.visitferrol.com
O código QR leva a un mapa dos 28 edificios repartidos polo centro da cidade e ofrece información tanto en texto como en audio-guía en galego, castelán e inglés. Desde a súa activación o pasado luns, preto de 1.000 persoas accederon á nova plataforma, que nos próximos meses se complementará coa instalación nas fachadas dos edificios novas placas identificativas azuis para os modernistas e laranxas para os neoeclécticos, ao igual que se identifican no folleto, e co mesmo código QR. A reactivación da Ruta Modernista forma parte das iniciativas que o Concello de Ferrol está a poñer en marcha con motivo da celebración este ano e o próximo do falecemento e nacemento, respectivamente, do arquitecto, tras aprobar por unanimidade no pleno municipal o seu nomeamento como Fillo Adoptivo da cidade. 

Os 28 edificios de Ucha recollidos na nova Ruta Modernista son: Casa Antón, Casa Casteleiro, Casa López, Casa Romero Rodríguez del Villar, Peixaría do mercado central, Casa Borrás, Casa Granda, Banco da Coruña, o edificio do Correo Galego, Casa Rodríguez Trigo, Casa Pereira I e II, Fonda Suíza, Hotel Suízo, capela da Mercé, Casino Ferrolano, Casa Brañas, Casa Romero, fachada do Teatro Jofre, hotel Ideal Room, Casa Alberto Munduarte, Casa Bruquetas, Casa Vázquez, Casa Gil Azona, a Cociña Económica, Casa Rodríguez Fernández, Casa Díaz e o chalé de Sisto. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar