Novas

luns, 04 de outubro de 2021

O alcalde enxalza o traballo “certamente difícil” da Policía Nacional durante a pandemia e destaca a coordinación entre todos os corpos de seguridade

Ángel Mato acudiu esta mañá aos actos polo patrón da Policía Nacional, Ángeles Custodios, que remataron cunha misa na concatedral de San Xiao


O alcalde enxalza o traballo “certamente difícil” da Policía Nacional durante a pandemia e destaca a coordinación entre todos os corpos de seguridade

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, acudiu esta mañá aos actos con motivo do patrón da Policía Nacional, Ángeles Custodios, que comenzaron no auditorio do Centro municipal Torrente Ballester e remataron ás 12 horas cunha misa na concatedral de San Xiao. Ao acto tamén acudiu a subdelegada do Goberno, María Rivas. 


O alcalde trasladou en nome do Concello os parabéns aos policías que esta mañá recibiron as distincións “polos méritos no servizo” e estendeu ese recoñecemento a todos os seus compañeiros. Mato enxalzou o traballo “certamente difícil” que lles tocou desenvolver a todos eles dende marzo do ano pasado, ao igual, dixo, “que ao corpo municipal”. Na súa intervención, o rexedor lembrou que “tiveron que facer cumprir normas que non se tiñan aplicado antes, de velar por que todos contribuíramos á loita contra a pandemia cun comportamento axeitado”, e destacou que estiveron “en primeira liña cando máis os necesitábamos”. 

Mato aproveitou a ocasión para destacar a “excelente coordinación” que existiu entre todos os corpos e forzas de seguridade dende o inicio da covid, “algo que foi posible grazas ao labor en común que xa desenvolvían previamente”. 

O alcalde indicou que precisamente ese traballo con visión de conxunto “é un valor que debemos protexer e fomentar dende as Administracións responsables de cada un dos corpos para optimizar os recursos dos que dispoñemos e asegurarnos de que a policía siga sendo un dos garantes dos dereitos cidadáns”. 

O confinamento, lembrou, implicou cambios no que se refire á seguridade cidadá, e neste punto destacou a “atención que prestan os efectivos policiais que se encargan de levar os casos de violencia de xénero”. 





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar