Novas

luns, 04 de outubro de 2021

O Concello celebrará en novembro o espectáculo ‘Libre coma os paxaros’, que percorre a vida e obra da figura de Rosalía de Castro

A concelleira de Normalización Lingüística, Cristina Prados, deu conta esta mañá aos grupos municipais dos detalles da actividade, que será de balde e terá lugar no Teatro Jofre. A edil tamén anunciou dous obradoiros para menores de entre 8 e 17 anos inspirados no formato escape room


O Concello celebrará en novembro o espectáculo ‘Libre coma os paxaros’, que percorre a vida e obra da figura de Rosalía de Castro

 O Concello de Ferrol vai celebrar o próximo 14 de novembro, ás 19.30 horas, o espectáculo de balde ‘Libre coma os paxaros’, que terá lugar no Teatro Jofre. A concelleira de Normalización Lingüística, Cristina Prados, deu conta aos grupos municipais na comisión de Participación Cidadá celebrada esta mañá dos detalles da actividade, que desenvolve o Concello no marco da Rede de Dinamización Lingüística en colaboración coa secretaría xeral de Política Lingüística con fondos dos proxectos culturais Xacobeo 21. 


Trátase dun espectáculo sobre a figura e o pensamento da escritora galega Rosalía de Castro. A montaxe, protagonizada por María Barcala, bota man das súas obras para percorrer o seu traballo, pensamento e compromiso cos acontecementos protagonistas na sociedade do seu tempo. A obra está producida por Teatro do Atlántico e está dirixida ao público en xeral. 

A concelleira tamén deu conta doutra actividade de balde, neste caso para menores de entre 8 e 17 anos de idade, que vai consistir en dous obradoiros de grandes xogos infantís e xuvenís sobre a cultura e lingua galegas, unha iniciativa que se presentan “como proposta de ocio alternativo para mozos e mozas”, dixo Prados. Tamén serán de balde e terán lugar a finais de outubro ou principios de novembro. A edil explicou que se trata de xogos guiados inspirados no formato escape room que “implicarán aos participantes en asuntos vencellados coa tradición, a mitoloxía e a literatura galega”. Os obradoiros celebraranse nun espazo ao aire libre e, en caso de choiva, trasladaranse ao salón de actos do Antigo Hospicio.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar