Novas

martes, 05 de outubro de 2021

O Concello opta a case tres millóns de euros en axudas para a reurbanización de Pardo Baixo, a demolición da nave provisional do mercado da Magdalena e actuacións para converter o Camiño Inglés nun re

A concelleira de Economía, Facenda e Promoción Económica, María Teresa Deus, tamén deu conta esta mañá aos grupos municipais da concesión dunha subvención de 108.975 euros para desenvolver cursos formativos a veciños desempregados


O Concello opta a case tres millóns de euros en axudas para a reurbanización de Pardo Baixo, a demolición da nave provisional do mercado da Magdalena e actuacións para converter o Camiño Inglés nun re

O Concello de Ferrol opta a preto de tres millóns de euros en axudas para desenvolver diferentes proxectos e accións claves para a cidade, tal e como explicou esta mañá a concelleira de Economía, Facenda e Patrimonio, Recursos Humanos, Emprego, Promoción Económica, Turismo, Estatística e Edusi, María Teresa Deus, na comisión ordinaria de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos celebrada esta mañá no salón de plenos do pazo municipal. 


A edil tamén trasladou que o Concello vén de recibir a concesión doutra axuda solicitada hai tempo, neste caso para impartir accións formativas do Plan formativo para o emprego de Galicia. Esta subvención, que ascende a 108.975 euros, destinarase á próxima posta en marcha de cinco ciclos de formación que en total suman 1.250 horas: dous sobre atención sociosanitaria a persoas dependentes en institucións sociais (936 horas entre as dúas edicións); competencia matemática (138 horas); comunicación e lingua galega (38 horas); e comunicación en lingua castelá (138 horas). 

María Teresa Deus explicou que os ciclos formativos, que se desenvolverán no Centro municipal de Emprego, están dirixidos a persoas desempregadas rexistradas no servizo público de emprego. 

En canto ás axudas solicitadas recentemente polo departamento que dirixe, a de máis contía é a destinada a converter o Camiño Inglés en destino turístico familiar, que ascende a dous millóns de euros. O obxectivo desta achega, ao abeiro da convocatoria extraordinaria do Programa de Plans de Sostenibilidade Turística en Destinos para entidades locais, é desenvolver catro eixos de traballo que inclúen accións como “adaptar a oferta e a información turística ás familias, optimizar a acollida e a hospitalidade, instaurar sinalización intelixente, crear unha unidade multimedia do trazado, crear un manual sobre a necesidade de coidar do Camiño, mellorar a aplicación das tecnoloxías, promover a accesibilidade universal na primeira milla, crear un centro de interpretación marítima da ruta e habilitar zonas de descanso familiar, entre outros”, apuntou a edil. O turismo de familias, dixo, é un nicho de mercado de gran potencial”.

Outras das subvencións recentemente solicitadas, de 599.241 euros, é para o proxecto de reforma do conxunto do mercado da Magdalena, que inclúe a demolición da nave provisional e a mellora da contorna e a rexeneración do ámbito do paseo do túnel, a costa de Mella e da peixería de Ucha. Esta intervención, segundo trasladou a responsable municipal aos grupos municipais, busca xerar un novo espazo público polivalente e atractivo na contorna do mercado da Magdalena de modo que recupere o seu atractivo urbano e comercial como elemento dinamizador”. Para desenvolver o conxunto do proxecto, que ascende a 998.735 euros (sen impostos), o Concello de Ferrol aportaría 399.494 euros máis. Esta achega enmárcase na convocatoria para o apoio a mercados, zonas urbanas comerciais, comercio non sedentario e canais cortos de comercialización, no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. 

O Concello vén de solicitar tamén outra subvención de 289.478 euros para desenvolver o proxecto de reurbanización da rúa Pardo Baixo ao abeiro da convocatoria de axudas para o fortalecemento da actividade comercial en zonas turísticas no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Nesta intervención o Concello de Ferrol aportaría 192.985,33 euros, polo que o orzamento ascende a 482.463,33 euros, sen ive. O fin, explicou, é reordenar e redefinir o espazo peonil da céntrica rúa, no barrio da Magdalena, para lograr unidade e coherencia , mellorar a escena urbana e mellorar o seu atractivo turístico. 

Por último, o Concello tamén solicitou unha axuda de 81.191 euros para desenvolver varias das accións incluídas no proxecto Dieta Ártabra, recentemente presentado e para o que xa se nomearon dous embaixadores, tal e como lembrou a edil. Neste caso solicitouse ao abeiro das estratexias de desenvolvemento local participativo aprobadas aos grupos de acción local do sector pesqueiro para o desenvolvemento sustentable das zonas de pesca no marco do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca. O fin, explicou, é potenciar a imaxe de Ferrol como destino gastronómico de calidade, impulsando a riqueza do produto de proximidade e do servizo. Tamén destacar e dar a coñecer a produción marisqueira da ría de Ferrol, potenciar os produtos sustentables do mercado local e promover medidas educativas para valorar e comprender a importancia do consumo responsable dos peixes e mariscos da ría, entre outros obxectivos, segundo apuntou a concelleira.





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar