Novas

mércores, 06 de outubro de 2021

O Concello pon a punto os sumidoiros de cara á tempada de choivas e retoma a campaña de retirada da folla seca

A concelleira de Medio Ambiente, Obras e Servizos, Ana Lamas, indicou que varios operarios e un camión impulsor percorren esta semana a Avenida de Esteiro, o porto e a de Compostela


O Concello pon a punto os sumidoiros de cara á tempada de choivas e retoma a campaña de retirada da folla seca

O Concello de Ferrol iniciou xa a posta a punto da rede de sumidoiros da cidade ante a chegada da tempada de choivas. As actuacións comezaron polo barrio de Esteiro, a Avenida de Compostela e o porto, e seguirán sucesivamente polo resto da cidade. 


A concelleira de Medio Ambiente, Obras e Servizos, Ana Lamas, indicou esta mañá que varios operarios e un camión impulsor están a percorrer a cidade revisando e aspirando os sumidoiros. Trátase, dixo, dunha acción preventiva para evitar posibles inundacións por mor das habituais choivas do outono e o inverno. A edil engadiu que a estes traballos compleméntanse coas tarefas de retirada da folla seca que tamén está a desenvolver o Concello co fin de manter as rúas despexadas e seguras para os peóns. Esta semana se está a actuar na Avenida de Compostela e onte mesmo estiveron na do Mar, no barrio de Caranza, e anteriormente en San Xoán, na Avenida de Esteiro, na contorna da Praza das Angustias e na do Inferniño. 

Limpeza de bancos cun camión de baldeo
A concelleira tamén informou esta mañá doutros traballos de mantemento que se están a desenvolver na cidade, como é o caso da limpeza de bancos e da súa contorna cun camión de baldeo. Esta mesma mañá varios operarios continuaban a súa tarefa polos da Avenida de Esteiro, retirando con auga a presión restos acumulados tanto debaixo dos bancos, como nos propios elementos.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar