Novas

mércores, 06 de outubro de 2021

O convenio entre o Concello de Ferrol e Augas de Galicia para o saneamento do río Sardiña inclúe un investimento de 900.000 euros

O goberno local someterá esta tarde ao pleno a aprobación dun documento que recolle un financiamento en dúas anualidades, cunha achega de 270.000 euros por parte da Administración local e outra de 630.000 da autonómica. O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, informou esta mañá dunha actuación que se desenvolverá principalmente no 2022 e cuxos custes cubrirá na súa meirande parte o Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) da UE


O convenio entre o Concello de Ferrol e Augas de Galicia para o saneamento do río Sardiña inclúe un investimento de 900.000 euros

O goberno local someterá esta tarde ao pleno da corporación municipal, para a súa aprobación, o convenio de colaboración entre o Concello de Ferrol e Augas de Galicia para a execución do colector interceptor da marxe esquerda do río Sardiña, no tramo entre A Malata e a ponte da estrada da Malata. Trátase dunha actuación cofinanciada pola Unión Europea a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder), no marco do programa operativo Feder Galicia 2014-2020. 


O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, remarcou que esta obra vai completar o saneamento da enseada da Malata, logo de que este ano a Administración autonómica rematara a construción dos colectores e dos tanques na zona e o Concello asumira a súa titularidade e a prestación do servizo. Seguindo o mesmo modelo, nesta ocasión Augas de Galicia encargarase da licitación e execución dos traballos, e unha vez rematados, o Concello de Ferrol será o responsable da xestión da nova instalación. O tamén voceiro do goberno local lembrou que o saneamento do río Sardiña foi a primeira proposta que o propio alcalde, Ángel Mato, lle trasladou á Consellería de Infraestruturas, no verán do 2019, pouco despois de tomar posesión do seu cargo. Destacou que dende entón ambas Administracións veñen traballando na materialización dunha obra “fundamental” e ofreceuse a prestar “toda a colaboración para que se execute canto antes e a veciñanza teña o servizo que merece”. Para elo, no convenio tamén se articula a creación dun órgano de coordinación que realizará un seguimento dos traballos. 

En canto ao financiamento, o edil de Urbanismo explicou que o custo total, xa adiantado no seu día polo alcalde, Ángel Mato, e a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, estímase en 900.000 euros. O reparto contémplase en dúas anualidades. Para a presente, Augas de Galicia destinará 31.500 euros, e no 2022 a distribución de achegas será a seguinte: 270.000 por parte do Concello de Ferrol e 598.500 por parte da entidade pública empresarial.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar