Novas

mércores, 06 de outubro de 2021

O Concello activa unha campaña de emerxencia entre veciños, comerciantes e supermercados para recoller material de primeira necesidade para a illa da Palma

O concelleiro de Sanidade e Seguridade, Germán Costoya, anunciou esta mañá que desde mañá xoves ata o sábado 16 os comerciantes poderán doar roupa nova, os particulares mantas, sabas e toallas e os supermercados produtos de hixiene e cueiros e toalliñas para bebé. O material poderá depositarse na central da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol, no parque Raíña Sofía, de 11 a 20 horas, ou chamar ao teléfono 981 320 000 no caso de ter dificultade para efectuar o traslado


O Concello activa unha campaña de emerxencia entre veciños, comerciantes e supermercados para recoller material de primeira necesidade para a illa da Palma

O Concello de Ferrol activa desde mañá xoves, 7 de outubro, ata o sábado 16 unha campaña de emerxencia para recoller durante dez días material de primeira necesidade para os cidadáns da Palma por mor da erupción do volcán Cumbre Vieja.


O concelleiro de Seguridade e Sanidade, Germán Costoya, anunciou esta mañá que se trata dunha recollida de material que “responde á petición que nos traslada o departamento de Protección Civil da illa, os Llanos de Aridane e O Paso a través da Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil de España”. 

A campaña que comeza mañá involucra a veciños, que poderán doar mantas, sabas e toallas; a comerciantes, con roupa nova; e aos supermercados, con produtos de hixiene persoal —xabón, champú, pasta e cepillo de dentes— e cueiros e toalliñas para bebés. Non se recollerá nin roupa de segunda man nin xoguetes. 

O material poderá depositarse ata o sábado 16 incluído na central da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol, no parque Raíña Sofía, de 11 a 20 horas, ou chamar ao número de teléfono 981 320 000 no caso de ter dificultade para efectuar o traslado. O concelleiro apuntou que a cidade de Ferrol “sempre demostra que é moi solidaria” e fixo un chamamento para que a cidadanía se una “para axudar a quen neste momento se atopa nunha situación excepcional”.  

Agradecemento pola doazón de material técnico 
Por outro lado, o concelleiro de Seguridade agradeceu á empresa Peycar a doazón hoxe mesmo de dous palés de roupa técnica para enviar desde Ferrol aos dispositivos dos servizos de emerxencia que están a traballar na illa. 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar