Novas

xoves, 07 de outubro de 2021

O Concello remata con éxito o segundo tramo do programa ‘Movemos o corazón en Ferrol’ posto en marcha polo Concello

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero,trasladou esta mañá aos grupos municipais na comisión de área que participaron 20 persoas de entre 62 e 84 anos de idade e desenvolveuse nos parques de Canido, Esteiro, Catabois, Recimil, Santa Mariña, Caranza e a Malata


O Concello remata con éxito o segundo tramo do programa ‘Movemos o corazón en Ferrol’ posto en marcha polo Concello

O Concello de Ferrol vén de rematar o segundo bloque da primeira edición do programa de envellecemento activo ‘Movemos o corazón en Ferrol’, que se desenvolveu entre o 7 e o 30 de setembro nos parques biosaudables de Canido, Esteiro, Catabois, Recimil, Santa Mariña, Caranza e no da Malata. Participaron 20 veciños de Ferrol de entre 66 e 84 anos de idade. 


Trátase dunha iniciativa deseñado pola concellería de Benestar Social, que dirixe Eva Martínez Montero, que desenvolveu Andaravía cada martes e xoves en dúas quendas: ás 9 horas e ás 10.15 horas. Unha vez rematado o programa, indicou a edil, a maioría dos participantes “introduciron a actividade física nos seus hábitos de saúde, utilizan máis os nosos parques biosaudables e aumentaron a súa rede para facer deporte”. O primeiro bloque tivo lugar entre o 15 de xuño e o 8 de xullo, tamén con 20 inscritos. 

A edil explicou que o programa naceu co propósito de “paliar a inactividade da poboación maior da cidade por mor da pandemia, o colectivo máis afectado pola crise sanitaria, ao tempo que recuperar a súa actividade nos nosos parques biosaudables”. Desde o Concello “queremos promover que os maiores se animen a saír á rúa, sempre con precaución, para facer exercicio en compañía e mellorar tanto o seu estado físico como anímico”. Neste punto Martínez Montero lembrou a recente posta en marcha do programa ‘Andanzas Naturais’ con motivo da celebración do Día das Persoas de Idade o pasado 1 de outubro. Trátase dunha iniciativa municipal que consiste nunha batería de actividades de balde dirixidas ás persoas maiores de 60 anos da cidade que se alargará ata final de ano. 

Este plan oferta para o día 22 outubro unha saída á lagoa de Doniños e o 29 de outubro celebrarase a ruta Muíños de Esmelle. Xa en novembro, o día 5, percorrerase a enseada da Malata, o 19 a contorna da estación de bombeo e a depuradora e o 3 de decembro as praias de Sartaña e Ponzos. Entre os asuntos que abordarán durante as actividades están a evolución e modificación das paisaxes, os enclaves e lugares de interese que caracterizan á cidade e ao municipio de Ferrol, os xardíns históricos da urbe e doutras vilas veciñas e a conservación do medio e patrimonio natural. Os interesados en participar nestas actividades poden facelo a través do correo electrónico elopezl@ferrol.es ou no número de teléfono 981 94 42 35.

Pola súa banda, a concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, iunformou que o próximo 15 de outubro, ás 12 horas, integrantes da Asociación de Persoas Xordas de Ferrol desenvolveran a ruta ‘Ferrol en Feminino’ con motivo do Día Internacional da Linguaxe de Signos. Con esta actividade, dixo Prados, “pretendemos promover o coñecemento de relevantes mulleres ferroláns”. 

A edil tamén deu conta da recente reunión do grupo de traballo de Intervención da Mesa Local Interinstitucional contra a violencia de xénero, que abordou a adaptación do protocolo de violencia de xénero ás necesidades e demandas actuais, e informou da próxima reunión do grupo de traballo de Sensibilización, que tratará diferentes propostas para desenvolver esta tarefa. Prados informou que a próxima sesión do Consello Sectorial da Muller, o mércores da próxima semana, abordará as declaracións institucionais do Día da Muller Rural e do Día para a Eliminación da Violencia de Xénero. 




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar