Novas

xoves, 07 de outubro de 2021

O Concello saca a licitación a reurbanización da rúa Pardo Baixo por preto de 600.000 euros

O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, indicou que a intervención en Pardo Baixo “mostra claramente como é o modelo de peonalización que defende este goberno”. A transformación contempla a plantación de 19 cerdeiras xaponesas, que contarán coa súa propia rede de rego. Habilitarase plataforma única, substituirase o adoquín da calzada por lousas de granito de 15 centímetros de grosor e nas beirarrúas poñeranse de novo as pezas históricas actuais


O Concello saca a licitación a reurbanización da rúa Pardo Baixo por preto de 600.000 euros

O Concello de Ferrol vén de publicar na Plataforma de Contratación do Sector Público o anuncio de licitación das obras de reurbanización da rúa Pardo Baixo cun importe base de licitación de 583.780,62 euros, con impostos. As ofertas presentaranse de forma electrónica con carácter exclusivo e excluínte na plataforma antes das 23.59 horas do 27 de outubro. 


O concelleiro de Urbanismo, Julián Reina, explicou esta mañá tras a publicación do anuncio os detalles da futura intervención, “un proxecto que mostra claramente como é o modelo de peonalización que defende o goberno de Ángel Mato”. 

A intervención busca “unha transformación do espazo público que nos permita o goce e o aproveitamento tendo como eixo condutor a súa humanización”, indicou. Trátase de aplicar, dixo, “criterios de accesibilidade, rexeración urbana e respecto ao entorno, e a súa transformación “funcionará á perfección tanto cun uso compartido entre peóns e establecementos hostaleiros, que son os que predominan na actualidade, coma se máis adiante a tipoloxía dos negocios cambiase”. Iso débese, afirmou, a que “con esta intervención búscase adaptar a rúa ás que van ser as súas novas protagonistas: as persoas”. 

No plano técnico, detallou que aínda que Pardo Baixo conta con todos os servizos urbanísticos, “debido ás modificacións e ao estado que presentan, haberá que actuar nalgúns puntos do saneamento, tanto de pluviais coma de fecais, e do abastecemento de auga”. A obra incluirá a instalación da infraestrutura para o soterramento dos servizos e prevese que tamén vaian baixo terra os cables nos cruces. Tamén se completará a instalación do gas cidade. Estas actuacións, dixo Reina, “son froito dun estudo pormenorizado para recabar o estado dos servizos existentes e a súa situación”. 

En canto á superficie, decidiuse aplicar a plataforma única e substituír o adoquín por lousas de granito de 15 centímetros de grosor. Terán 20 centímetros de ancho e unha lonxitude de entre 80 e 160 centímetros. Iso, no referido á zona antigamente destinada ao tráfico rodado. Nas beirarrúas, á mesma altura que a calzada, poñeranse de novo as pezas históricas actuais excepto as deterioradas, que serán substituídas. Os servizos urbanísticos quedarán sinalizados e accesibles mediante argolas de latón.

Plantación de 19 cerdeiras xaponesas e iluminación 
A transformación da rúa Pardo Baixo contempla, por outra banda, a plantación de 19 cerdeiras xaponesas que contarán coa súa propia rede para regar, por sistema de goteo. Elixiuse a mesma especie de árbores que medran na praza do Callao. Con esta actuación integral abordarase a substitución dos puntos de luz, que se adecuarán ao proxecto de normalización de mobiliario urbano da Magdalena “apostando pola eficiencia enerxética que nos aporta a tecnoloxía led, instalada en catenaria”, lembrou Reina. 








Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar