Novas

xoves, 07 de outubro de 2021

O Concello opta ás axudas xestionadas polo GALP para impulsar o proxecto gastronómico ‘Dieta Ártabra’

A concelleira de Promoción Económica e Turismo, María Teresa Deus, indicou esta mañá que a finais de setembro se solicitou unha achega de 81.191 euros para desenvolver as primeiras accións da iniciativa municipal, que pretende converter Ferrol en destino turístico punteiro en gastronomía sostible e saudable


O Concello opta ás axudas xestionadas polo GALP para impulsar o proxecto gastronómico ‘Dieta Ártabra’

O Concello de Ferrol presentou a finais de setembro unha solicitude para beneficiarse das axudas do Fondo Europeo Marítimo e de Pesca (FEMP) que xestiona o GALP (Grupo de Acción Local de Pesca). A concelleira de Promoción Económica e Turismo, María Teresa Deus, indicou esta mañá que se solicitou unha achega de 81.191 euros para desenvolver as primeiras accións do proxecto ‘Dieta Ártabra’, unha iniciativa deseñada polo Concello que pretende converter a cidade de Ferrol en destino turístico punteiro en gastronomía sostible e saudable. 


A concelleira explicou que a achega subvencionaría seis das accións recollidas no Plan Estratéxico da Dieta Ártabra. A primeira é crear unha marca do proxecto que de a coñecer as súas características resaltando a importancia do peixe e marisco da ría de Ferrol e da Costa Ártabra a través de varias plataformas tecnolóxicas. A segunda acción que podería sufragar a axuda do GALP é o deseño dun microdocumental sobre a Dieta co fin de mellorar a calidade do consumo de peixes e mariscos con receitas sostibles e a terceira a creación dun programa que inclúa obradoiros vencellados cos produtos locais con receitas tradicionais. A cuarta acción é o deseño dunha guía gastronómica, a quinta fomentar a produción da ría de Ferrol e os produtos do mar e a sexta e última, medidas para contribuír á recuperación das tradicións culinarias locais a través da educación. 

A concelleira expresou esta mañá a súa confianza en poder impulsar da man do GALP os primeiros pasos do proxecto Dieta Ártabra “posto que se trata dun plan de tres anos para o que calquera axuda é capital”. No mes de setembro presentouse o proxecto e nomeáronse aos dous primeiros embaixadores: Daniel López, do restaurante o Camiño do Inglés, e Miguel Campos, do establecemento A Gabeira. 

A iniciativa, dixo a concelleira, “aspira a aproveitar o enorme potencial da cidade, tanto polos seus produtos como polos profesionais do sector, e así impulsar a hostalería e os mercados ferroláns”.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar