Novas

xoves, 07 de outubro de 2021

O Concello envía preto de 7.500 máscaras FFP3 aos servizos de Protección Civil da Illa da Palma

O alcalde, Ángel Mato, informou esta mañá que Ferrol “quere solidarizarse coas persoas que están a sufrir na Palma” e con esta achega “pretendemos poñer o noso grao de area” para que os dispositivos de emerxencia “traballen dun xeito máis seguro”


O Concello envía preto de 7.500 máscaras FFP3 aos servizos de Protección Civil da Illa da Palma

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, anunciou esta mañá que o Concello vai enviar hoxe mesmo preto de 7.500 máscaras protectoras FFP3 para o departamento de Protección Civil dos Llanos de Aridane e O Paso co fin de “contribuír así a que traballen dun xeito máis seguro”. A cidade, dixo, “quere solidarizarse coas persoas que están a sufrir na Palma” e con esta achega “pretendemos poñer o noso grao de area atendendo ás necesidades que traslada a agrupación da Illa”. Desexo, dixo o alcalde, que “teñan resolta o antes posible esta situación tremendamente difícil”. 


O rexedor estivo acompañado polo concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, e o xefe da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Ferrol, Alejandro Santiago, quen agradeceu “a constante solidariedade do Concello de Ferrol ante as diferentes emerxencias que suceden no noso país, neste caso co envío dos EPI”.

Rápida resposta á campaña de recollida de mantas e sabas 
Pola súa banda, o concelleiro agradeceu “a implicación e colaboración” da cidadanía de Ferrol posto que “apenas dez minutos despois de anunciar o inicio da campaña de recollida de mantas e sabas para enviar á Palma xa recibimos chamadas de persoas dispostas a colaborar”. Como sempre, dixo, “Ferrol demostra unha vez máis que é unha cidade moi solidaria”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar