Novas

venres, 08 de outubro de 2021

O Concello presenta a sexta edición de FESTEA, o festival de monicreques de balde que comeza este domingo e rematará en decembro

O concelleiro de Cultura e Educación, Antonio Golpe, anunciou esta mañá que as entradas da primeira actuación xa se poden retirar no despacho de billetes do Teatro Jofre


O Concello presenta a sexta edición de FESTEA, o festival de monicreques de balde que comeza este domingo e rematará en decembro

O Concello de Ferrol presentou esta mañá a sexta edición de FESTEA, o Festival de Teatro de Obxectos e Monicreques deseñado pola concellería de Cultura e Educación, que dirixe Antonio Golpe, que comeza este domingo, 10 de outubro, e rematará o 5 de decembro da man de compañías españolas e portuguesas. 


O edil anunciou que a sexta edición conta con oito actuacións, dous delas estreo mundial, que se celebrarán no Teatro Jofre e no centro municipal Torrente Ballester, e indicou que FESTEA xa forma parte da Rede de Festivais Internacionais de Teatro de Títeres e Obxectos de Outono, constituída o pasado verán e da que forman parte arredor de 15 festivais do país. De Galicia unicamente FESTEA e Galicreques. 

A primeira actuación, ‘A caixa de nove lados’, terá lugar este domingo, 10 de outubro, ás 12.30 horas no Torrente Ballester e as entradas xa se poden retirar no despacho de billetes do Teatro Jofre. Trátase dunha peza que abordará a maxia do mundo dentro dunha vella caixa de costura. 

O 23 de outubro, ás 18.30 horas, no Teatro Jofre terá lugar ‘Quen son?’, que atopará aos nenos á identidade do ser humano. O venres 29, ás 18.30 horas, ‘Joao e o pé de feijao’ explorará a riqueza e sabedoría do universo infantil e o día 31 de outubro, ás 12.30 horas, presentarase no Teatro Jofre ‘Vicente, O Pirata Valente’, unha actuación chea de fantasía e maxia. 

O día 7 de novembro, tamén no Teatro Jofre terá lugar o estreo de ‘Petite Fleur’, que invitará á alegría, e o 21 de novembro, ás 12.30 horas, tamén o Jofre acollerá ‘Contos Viaxeiros’. ‘Pan’ representarase o día 28 de novembro, ás 12.30 horas, no Jofre para abordar a vida desde a mirada dos nenos e o 5 de decembro o Torrente Ballester acollerá a obra ‘O guante do avó’, tamén ás 12.30 horas, que falará do frío e que será estreo mundial. 

O concelleiro lembrou que FESTEA “naceu e creceu na cidade de Ferrol”, ten “identidade propia” e supón “un dos festivais más importantes de monicreques” que o Concello deseña cada ano co fin de “promover que os menores se inicien neste hábito e nun futuro sexan aficionados ao teatro”. O edil estivo acompañado polo director de FESTEA, Plamen Dipchikov, quen destacou “a calidade das compañías que participan nesta sexta edición”.





Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar