Novas

mércores, 13 de outubro de 2021

A Xunta de Goberno Local adxudica a iluminación de Nadal para os próximos dous anos

O voceiro do goberno local, Julián Reina, informou tamén da aprobación da licitación da Cabalgata de Reis


A Xunta de Goberno Local adxudica a iluminación de Nadal para os próximos dous anos

A Xunta de Goberno Local celebrada esta mañá aprobou a proposta de adxudicación da instalación e desinstalación da iluminación ornamental das campañas de Nadal de decembro 2021- xaneiro 2022 e decembro 2022-xaneiro 2023. O voceiro do goberno local, Julián Reina, indicou que o importe de adxudicación ascende a 302.258 euros con impostos, o que supón 151.129 por campaña, “a cifra máis elevada dos últimos anos”. 


O edil explicou que o contrato inclúe iluminación tanto en distintos barrios da cidade como no rural. No centro haberá 127 arcadas e iluminaranse 6 árbores da Praza do Callao; 30 arcos en Catabois e dúas rotondas iluminadas; preto de 70 na zona de Ultramar e estrada de Castela; seis árbores no Inferniño e 14 motivos de Nadal arredor da praza; 5 arcadas e 13 motivos en columnas na avenida Castelao, no barrio de Caranza; en Canido iluminaranse 14 árbores, haberá sete motivos na rúa Alegre e 3 na praza que da nome ao barrio; Esteiro contará con 12 motivos en columnas de iluminación pública e varias tiras de led na zona verde e tamén se colocará iluminación na asociación de veciños de San Xoán e en árbores da praza. Ademais dos tradicionais arcos, outros puntos principais da cidade de paso de poboación contarán con motivos, como a praza Rosalía de Castro, cunha antuca de luz, a Praza de Amboage, a de España, o Cantón de Molíns e a Praza do Cruceiro de Canido. A toda esta iluminación sumaranse, ao igual que outros anos, os motivos de Nadal propiedade do Concello de Ferrol. O contrato inclúe tamén a instalación de 80 unidades entre motivos e arcadas na zona rural.

Ademáis colocaranse outros 25 adornos nas ventás frontais da fachada do pazo municipal e unha tarima cuberta de céspede artificial para instalar o nacemento municipal na Praza de Armas, tal e como indicou Reina. O edil informou tamén da aprobación da licitación da Cabalgata de Reis por máis de 77.000 euros. Será similar á de anos anteriores á pandemia e estará reforzada con máis seguridade. 

En canto á comisión informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación celebrada esta mañá, o edil explicou que se deu conta do plan de poda para este curso 2021-2022 e “dimos resposta aos grupos municipais sobre a súa petición de información sobre os residuos e acopios que se atopan na parcela da Fábrica de Lapis”. Trátase de material que corresponde a unha obra que non é municipal. Por último, na comisión extraordinaria de Economía, Facenda, Emprego e Recursos Humanos ditaminouse a proposta de adxudicación a Abanca para a concertación dunha operación de crédito a longo prazo por importe de 14.636.230,35 euros para o financiamento de gran parte das inversións previstas no orzamento de 2021, que xa se están a tramitar. 



Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar