Novas

mércores, 13 de outubro de 2021

A campaña de emerxencia impulsada polo Concello para recoller material de primeira necesidade para os habitantes da Palma remata o próximo sábado

O concelleiro de Seguridade e Sanidade, Germán Costoya, visitou esta mañá as dependencias onde se gardan os produtos que serán enviados á illa a próxima semana. O edil resaltou “a boa resposta da veciñanza de Ferrol, que sempre demostra que é moi solidaria”. Lembrou que os comerciantes poden doar roupa nova; os particulares mantas, sabas e toallas; e os supermercados produtos de hixiene persoal e cueiros e toalliñas para bebé


A campaña de emerxencia impulsada polo Concello para recoller material de primeira necesidade para os habitantes da Palma remata o próximo sábado

A campaña de emerxencia para recoller material de primeira necesidade para os cidadáns da Palma por mor da erupción do volcán Cumbre Vieja activada polo Concello de Ferrol o pasado día 7 está a ter “moi boa resposta por parte da veciñanza, que sempre demostra que é moi solidaria”, apuntou esta mañá o concelleiro de Seguridade e Sanidade, Germán Costoya, tras visitar as dependencias nas que se acumulan os produtos que serán enviados a próxima semana á illa. 


O edil indicou que se trata dunha recollida de material que “responde á petición que nos traslada o departamento de Protección Civil da illa, os Llanos de Aridane e O Paso a través da Asociación Nacional de Agrupacións e Asociacións de Voluntarios de Protección Civil de España”. 

Costoya lembrou que a campaña involucra a veciños, que poden doar mantas, sabas e toallas; a comerciantes, con roupa nova; e aos supermercados, con produtos de hixiene persoal —xabón, champú, pasta e cepillo de dentes— e cueiros e toalliñas para bebés. Non se recollen nin roupa de segunda man nin xoguetes. Xa se recibiu unha gran cantidade de mantas, sabas, produtos de hixiene e tamén roupa nova. 

O material pode depositarse ata o sábado 16 incluído na central da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol, no parque Raíña Sofía, de 11 a 20 horas, ou chamar ao número de teléfono 981 320 000 no caso de ter dificultade para efectuar o traslado. O concelleiro insistiu en facer un chamamento para que a cidadanía se una “para axudar a quen neste momento se atopa nunha situación excepcional”. 

Envío de preto de 7.500 máscaras FFP3 
Ademáis de activar esta campaña de recollida de produtos de primeira necesidade, o Concello de Ferrol enviou a pasada semana preto de 7.500 máscaras FFP3 para o departamento de Protección Civil dos Llanos de Aridane e O Paso. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar