Novas

xoves, 14 de outubro de 2021

O Concello acolle mañá na Praza de Armas o Día da Concienciación ante o Paro Cardíaco con formación en técnicas de reanimación cardiopulmonar a 365 escolares de entre 10 e 12 anos da cidade

O edil de Sanidade e Seguridade, Germán Costoya, informou esta mañá que acudirán alumnos de varios centros da cidade. Instalarase o hospital de campaña que o Concello puxo a disposición de Protección Civil de Ferrol hai un ano, o centro de mando e 50 postos, cada un cun monitor e un maniquí


Ferrol celebrará mañá venres, 15 de outubro, o Día da Concienciación ante o Paro Cardíaco, que se conmemora cada 16 de outubro, cunha xornada na Praza de Armas para ensinar técnicas de reanimación cardiopulmonar e o manexo dos DESA (desfibriladores externos semiautomáticos) a 365 escolares procedentes de varios centros da cidade, motivo polo que se celebra un día laborable. O concelleiro de Sanidade e Seguridade, Germán Costoya, indicou hoxe que a Praza de Armas acollerá mañá, a partir das 12 horas, o hospital de campaña e o centro de mando que o Concello puxo a disposición da Agrupación de Voluntarios de Protección Civil (AVPC) de Ferrol hai un ano e un total de 50 postos, cada un cun monitor e un maniquí para desenvolver as manobras. 


O edil informou que os 365 escolares ferroláns que participarán mañá na xornada son alumnos de entre 10 e 12 anos dos centros Almirante Juan de Lángara, Ponzos, Recimil, Esteiro, San Xoan de Filgueira, Isaac Peral, A Laxe, Cruceiro de Canido e Pazos. Todos eles, explicou Costoya, poderán aprender e practicar a manobra de reanimación cardiopulmonar e o uso do DESA coa axuda dos 50 maniquís e guiados polos monitores, un para cada dous alumnos. 

Con motivo das medidas de seguridade pola covid-19, haberá dúas quendas, unha ás 12.30 horas e outra ás 13 horas. Previamente recibirán unha charla explicativa por parte de Azucena Prieto Zapico, coordinadora do departamento de Urxencias no Hospital de Barbanza, quen desenvolverá a manobra que poderá visualizarse a través dunha gran pantalla que o Concello instalará na Praza de Armas. Ademáis do Concello, na xornada participan o Colexio de Médicos da provincia da Coruña e o Centro de Formación e Recursos de Ferrol, dependente da consellería de Educación. 

Entre os 50 monitores haberá estudantes do ciclo de Emerxencias Sanitarias do CIFP de Leixa, do Colexio de Médicos da Coruña, membros de Protección Civil de Ferrol e profesores de centros de formación sanitaria.

Formación dirixida a todos os sectores da poboación 
Costoya incidiu no compromiso do Concello por “informar e formar á poboación sobre a forma de actuar cando alguén sufre unha parada cardiorespiratoria, tamén aos máis pequenos da sociedade”, e lembrou que o Concello de Ferrol celebrou a finais de setembro o Día Mundial do Corazón tamén con demostracións de técnicas de reanimación cardiopulmonar, naquela ocasión dirixidas ao público en xeral e a alumnos do primeiro curso do Grao Superior en Esinanza e Animación Sociodeportiva (TSEAS) do CIFP Rodolfo Ucha. 
Neste punto lembrou que esta colaboración forma parte da vontade do goberno local de lograr que Ferrol sexa catalogada como Cidade Cardioprotexida, un dos obxectivos da Comisión municipal para a Prevención de Enfermidades Cardiovasculares de Ferrol, a primeira destas características en Galicia, constituída por mor do Día Mundial do Corazón do pasado ano. 



 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar