Novas

mércores, 20 de outubro de 2021

O Concello xa rematou o aglomerado na avenida de Esteiro e acometerá a sinalización horizontal e o pintado unha vez asente o novo firme

A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, indicou esta mañá que a intervención, que conta cun importe total de 159.369,10 euros (con impostos), afecta ao tramo entre a glorieta do diapasón e o cruce coas rúas Irmandiños e Taxonera e ás confluencias coas rúas adxacentes, cruces e rotondas


O Concello xa rematou o aglomerado na avenida de Esteiro e acometerá a sinalización horizontal e o pintado unha vez asente o novo firme

O Concello de Ferrol vén de rematar o aglomerado no conxunto da avenida de Esteiro tras iniciar os traballos o pasado 13 de outubro. A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, anunciou esta mañá que tras a renovación total do pavimento haberá que esperar uns días a que asente o novo firme para acometer a sinalización horizontal no conxunto da vía. A actuación, que conta cun orzamento de 159.369,10 euros, afecta a un tramo de preto dun quilómetro de lonxitude por cada sentido de circulación, o comprendido entre a glorieta do diapasón —que articula o tráfico entre Esteiro, Caranza e a Trincheira— e o cruce coas rúas Irmandiños e Taxonera, así como ás confluencias coas rúas adxacentes, cruces e rotondas. 


Ademais de actuar sobre o firme dos carrís de circulación, que ten sete metros de ancho por cada sentido, tamén se aglomerou o espazo de estacionamento, de dous metros en cada lado. En total, aglomeraranse 22.300 metros cadrados. Trátase dunha intervención que se suma ao aglomerado que rematouse o pasado ano en toda a Avenida do Mar, no barrio de Caranza. 

Unha vez rematado e asentado o novo asfaltado, procederase ao pintado, incluíndo pasos de peóns, aparcamentos, estacionamentos reservados para persoas con mobilidade reducida, zonas de carga e descarga así como a sinalización principal das liñas da calzada, frechas e símbolos.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar