Novas

mércores, 20 de outubro de 2021

O Concello acometerá obras de reparación e mantemento no pavillón de Esteiro por valor de preto de 300.000 euros

O concelleiro de Deportes, Antonio Golpe, incidiu na “aposta firme deste goberno por avanzar na mellora das instalacións deportivas da cidade” e apuntou que o obxectivo do goberno local é “dar resposta ás necesidades dos usuarios”. A Xunta de Goberno Local aprobou esta semana o proxecto que recolle as obras de reforma e mellora da accesibilidade necesarias no centro polideportivo


O Concello de Ferrol vai acometer obras de reparación e mantemento no pavillón de Esteiro cun orzamento total de 299.376,65 euros (IVE incluído) unha vez a Xunta de Goberno Local celebrada o pasado luns aprobara o proxecto, o que dará paso nas próximas datas á licitación dos traballos. 


O concelleiro de Deportes, Antonio Golpe, anunciou esta mañá que o proxecto recolle as obras de reforma e mellora da accesibilidade necesarias no centro polideportivo. En primeiro lugar, substituirase a cuberta da pista polideportiva por outra cun illamento térmico e acústico de tipo ‘sandwich’. Son aquelas constituídas por módulos a partir de dous chapas metálicas entre as que xa hai incorporado o material illante adherido ás mesmas durante o proceso de fabricación do panel. O proxecto contempla tamén labores de mantemento da cuberta dos locais anexos e a reparación da cuberta plana localizada sobre o vestíbulo e vestiarios do pavillón. 

Tamén se mellorará a seguridade en caso de incendios e acometeranse labores de reparación nas escaleiras da saída de emerxencia das bancadas co fin de optimizar a seguridade dos usuarios do centro deportivo.

Elevador ás bancadas e melloras no sistema de ventilación 
Outra das intervencións que inclúe o proxecto é a instalación dun elevador para acceder ás bancadas da primeira planta, “na liña de ir avanzando na optimización da accesibilidade”, indicou o edil, e tamén a mellora do sistema de iluminación e de ventilación do pavillón. En canto ao exterior, o Concello acometerá labores de mantemento na fachada do edificio para eliminar os danos que presenta na actualidade. 

O proxecto tamén inclúe labores de mantemento en varias estancias do pavillón, como no vestíbulo de acceso ao centro, nos vestiarios, no almacén, na pista deportiva e tamén nas bancadas, todo co fin de “facer máis segura e cómoda a estancia aos usuarios”. No interior tamén se pintará e se realizarán obras de saneamento. 

O concelleiro incidiu na “aposta firme deste goberno por avanzar na mellora das instalacións deportivas da cidade” e apuntou que o obxectivo do goberno local é “dar resposta ás necesidades dos usuarios”. Desde a concellería de Deportes, dixo, “estamos a avanzar na posta a punto das instalacións deportivas de Ferrol”.
 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar