Novas

xoves, 21 de outubro de 2021

O alcalde valora a Protección Civil de Ferrol por “un xesto que os engrandece” ao compartir o recoñecemento na súa labor no proceso de vacinación masiva

Ángel Mato presidiu esta mañá o acto no que a agrupación ferrolá entregou réplicas da Medalla de Ouro de Galicia que recibiu da Xunta aos colectivos dos que recibiron axuda. O rexedor invitou aos asistentes a gardar un minuto de silencio polas vítimas da covid-19 e pediu un aplauso para todo o persoal que colaborou na loita contra o virus


O alcalde valora a Protección Civil de Ferrol por “un xesto que os engrandece” ao compartir o recoñecemento na súa labor no proceso de vacinación masiva

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presidiu esta mañá o acto no que a Agrupación de Voluntarios de Protección Civil de Ferrol entregou réplicas da Medalla de Ouro de Galicia que recibiu da Xunta pola súa labor no proceso de vacinación masiva entre a poboación aos colectivos que lles axudaron: as agrupacións de Protección Civil dos municipios de Mugardos, Ortigueira e Bergonzo, a Policía Local de Ferrol, o Corpo de Bombeiros de Ferrol e o coordinador de Seguridade do Concello de Ferrol. Acudiron ao acto o concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, a alcaldesa de Bergonzo, Alejandra Pérez, o de Mugardos, Juan Domingo de Deus, e o de Ortigueira, Juan Penabad. Tamén os xefes de Policía Local, José Antonio Chao, o de Bombeiros, Aureliano Bacelo, o coordinador de Seguridade do Concello, Santiago Troitiño, o xefe da Agrupación ferrolán, Alejandro Santiago, e o tesoureiro da provincial, Ramón Pérez.


Mato iniciou a súa intervención pedindo aos presentes gardar un minuto de silencio polas vítimas da covid-19. A continuación resaltou o labor desenvolvida pola Agrupación de Voluntarios Protección Civil de Ferrol e atribuíulle “un xesto que os engrandece” ao compartir o recoñecemento na súa labor no proceso de vacinación masiva co resto de colectivos. A vosa “xenerosidade é infinita ao querer compartir este mérito”. Para min, dixo, “é un luxo ter unha agrupación de voluntarios como vos”. O alcalde pediu un aplauso para todo o persoal que colaborou na loita contra o virus. 

O concelleiro de Seguridade resaltou a labor da Protección Civil de Ferrol, especialmente no proceso de vacinación masiva, e indicou que nun acto “sinxelo como o de hoxe protección civil se escribe con maiúsculas”. Pola súa banda, o xefe de Protección Civil de Ferrol destacou a colaboración co resto de agrupacións e agradeceulles a súa permanente disposición. Tivo palabras de cariño tanto para os seus compañeiros das agrupacións de voluntarios como para o coordinador de Seguridade e resaltou a colaboración que reciben da Policía Local e de Bombeiros. Por último, agradeceu o apoio do Concello de Ferrol nas súas tarefas diarias. 

Os asistentes recibiron como regalo institucional un exemplar do libro ‘A Buxaina de Ucha’, do fotoxornalista José Pardo. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar