Novas

xoves, 21 de outubro de 2021

A Concello empregará en carpetas, bolsas e papel de agasallo institucional cinco deseños sobre a obra de Ucha desenvolvidos polo alumnado do CIFP Leixa

O concelleiro de Cultura e Educación, Antonio Golpe, e a de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, recibiron esta mañá aos autores, á directora do centro, Ana Roel, e a Lucila Ucha, filla do arquitecto


A Concello empregará en carpetas, bolsas e papel de agasallo institucional cinco deseños sobre a obra de Ucha desenvolvidos polo alumnado do CIFP Leixa

O Concello de Ferrol vai empregar en carpetas, bolsas e papel de agasallo institucional cinco deseños desenvolvidos polo alumnado do ciclo superior de deseño e edicións de publicacións impresas e multimedia do CIFP (Centro Integrado de Formación Profesional) Leixa sobre cinco edificios do arquitecto ferrolán Rodolfo Ucha: Casa Pereira, Teatro Jofre, Casa Rodríguez Fernández, Casa Antón e Peixería municipal. 


O concelleiro de Cultura e Educación, Antonio Golpe, e a de Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero, recibiron esta mañá aos autores da obra, á directora do centro, Ana Roel, e á filla do arquitecto, Lucila Ucha. O Concello poderá dispoñer de ditos deseños durante este ano e o seguinte coincidindo co aniversario este ano do 40 aniversario da súa morte en Ferrol e no 2022 dos 140 anos do seu nacemento. É unha das accións “desenvolvidas polo Concello”, apuntou o concelleiro, “para promover a súa obra e figura”, quen destacou o “traballo e esforzo” dos alumnos que participaron no proxecto.

Pola súa banda, a concelleira de Patrimonio Histórico indicou que se trata dunha “magnífica ocasión” para “poñer en valor tanto a excelencia e calidade académica do CIFP Leixa como o patrimonio tan importante que deixou Rodolfo Ucha na nosa cidade”. 

A responsable municipal fixo balance das accións desenvolvidas este ano con motivo do aniversario do seu falecemento, como o seu nomeamento como Fillo Adoptivo da cidade, a recente actualización da Ruta Modernista ou a preparación dunha unidade didáctica arredor do ferrolán que se vai desenvolver nos centros educativos a partir dun “profundo e rigoroso” estudo da historiadora ferrolá Pilar Freire co seguimento do departamento de Historia do instituto Saturnino Montojo. No ano 2022 está previsto dedicarlle unha praza o rúa da cidade e inaugurar unha exposición permanente sobre Ucha. A concelleria agradeceu a “colaboración e implicación” tanto do centro Leixa como da familia Ucha “en todas as iniciativas do Concello”.

Pola súa banda, Ana Roel recoñeceu á Administración local que “recollese a luva dun traballo que comezou na aula” e resaltou “a confianza que tanto o Concello como a familia Ucha “pon en nós”. Por último, Lucila Ucha tamén aproveitou a ocasión para agradecer o recoñecemento da obra do seu pai e especialmente ao alcalde de Ferrol, Ángel Mato, por “estar sempre disposto, activo e preparado para impulsar este tipo de iniciativas”, e á concelleira Martínez Montero. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar