Novas

martes, 02 de novembro de 2021

O Concello suma ás actividades de envellecemento activo para persoas maiores un obradoiro de musicoterapia ata final de ano

A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, anunciou hoxe que o prazo de inscrición comeza mañá mércores, 3 de novembro, ata o día 9, ambos incluídos. As sesión desenvolveranse os días 16, 23 e 30 de novembro e o 14 de decembro, de hora e media cada unha, tanto no Edificio Social como na Casa Solidaria. Indicou que a musicoterapia fomenta a participación, a interacción e a comunicación social no grupo e mellora o estado de ánimo e a autoestima


O Concello de Ferrol vén de anunciar que ás diferentes actividades de envellecemento activo dirixidas ás persoas maiores de 65 anos da cidade, como é o caso das Rutas Naturais ou o programa ‘Movemos o corazón en Ferrol’, vai sumarse unha nova iniciativa, o obradoiro ‘Música sen enrugas: Musicoterapia para maiores’, que terá lugar ata final de ano. 


A concelleira de Benestar Social, Eva Martínez Montero, anunciou esta mañá que as sesións terán lugar os días 16, 23 e 30 de novembro e o 14 de decembro, en dúas quendas. De 9.30 a 11 horas na Casa Solidaria ( Velázquez, 44) e de 12 a 13.30 horas no Edificio Social (rúa Sánchez Barcáiztegui, 35). Hai 10 prazas para cada quenda. O prazo para presentar solicitudes será dende mañá, 3 de novembro, ata o día 9, ambos incluídos. Os interesados poden inscribirse a través do Taboleiro de Anuncios do Concello, no enlace: https://www.ferrol.gal/arquivos/documentos/benestar/musica-sen-enrugas/Inscricion_musica_sen_enrugas.pdf


Martínez Montero indicou que o obxecto desta actividade “é favorecer o atraso do deterioro producido pola idade mediante intervencións terapéuticas concretas, previndo o illamento social dos maiores e aportando mediante a música un espazo motivador no que manter e activar diversas capacidades cognitivas, físicas e emocionais”. Entre os beneficios da musicoterapia, indicou a edil, está o fomento da participación, da interacción e da comunicación social no grupo e a mellora do estado de ánimo e da autoestima.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar