Novas

mércores, 03 de novembro de 2021

O Concello inicia o proceso participativo para a redacción do IV Plan municipal de Igualdade

A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, indicou que xa comezaron as mesas de traballo entre os distintos departamentos da Administración local e a mediados de mes celebraranse os foros de debate abertos a asociacións, entidades e colectivos da cidade


O Concello de Ferrol vén de iniciar o proceso participativo previo á redacción do IV Plan municipal de Igualdade unha vez que xa rematou a revisión do terceiro. A concelleira de Muller e Igualdade, Cristina Prados, anunciou esta mañá que dita fase inclúe dúas partes, unha interadministrativa, na que participan os diferentes departamentos municipais de Ferrol co obxectivo de poñer en común as súas propostas en materia de igualdade, e outra social aberta a asociacións, entidades e colectivos da cidade. As mesas de traballo para a primeira desenvolveranse esta mesma semana e os foros para a segunda terán lugar a partir de mediados de mes no Antigo Hospicio (rúa Méndez Núñez, 11), todos de 18 a 20 horas. 


O día 10, tal e como indicou a concelleira, celebrarase o foro dedicado á educación, mocidade e o benestar social, o 17 ás áreas de cultura, participación e deportes, o 24 ao ámbito das mulleres e o 1 de decembro ao emprego. Para participar nestes foros é necesario cubrir un formulario, que se atopa na páxina web do Concello www.ferrol.gal/plandeigualdade

Prados explicou que o IV Plan pretende “fixar una folla de ruta de traballo para os vindeiros anos en materia de igualdade de xénero”. Para conseguilo “establecemos un plan de traballo baseado na participación social e cidadá e na transversalidade do enfoque de xénero”, apuntou. O propósito deste proceso será “elaborar un documento que oriente estratexicamente a política local a partir de diferentes obxectivos e medidas”, e para elo “escoitaremos aos axentes sociais e á veciñanza”, incidiu Prados.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar