Novas

mércores, 03 de novembro de 2021

Ángel Mato defende as novas tecnoloxías de xeración de enerxía como unha oportunidade económica para a eurorrexión

O alcalde de Ferrol participou hoxe na primeira reunión de coordinación entre as comisións políticas do Eixo Atlántico, na que animou a traballar de forma conxunta para evitar “asimetrías” socioeconómicas dentro do noroeste peninsular


Ángel Mato defende as novas tecnoloxías de xeración de enerxía como unha oportunidade económica para a eurorrexión

O alcalde, Ángel Mato, defendeu hoxe, no marco das comisións políticas do Eixo Atlántico, as posibilidades que ofrecen as novas tecnoloxías de xeración de enerxías limpas como motor económico e de modernización para a eurorrexión. O Eixo iniciou esta mañá en Valongo (Portugal) o traballo de coordinación das súas cinco comisións políticas, creadas tras a asemblea do pasado febreiro e que durante os últimos meses veñen dando os seus primeiros pasos. Mato participou nesa reunión na súa condición de presidente da comisión de Innovación, da que forma parte como experto Carlos Sá Carneiro. A de Economía está liderada polo presidente da Cámara Municipal de Santa María da Feira, Emidio Sousa; a de Política Urbana, polo presidente da Cámara de Vila Nova de Gaia, Eduardo Vitor Rodrigues; a de Sustentabilidade, polo presidente da Cámara de Valongo, José Manuel Ribeiro, e a de Política Social, polo presidente da Deputación de Lugo, José Tomé. Como asesores destes órganos figuran, entre outros, Fernando González Laxe, Francesc Cárdenas, Emilio Fernández ou José Luis Méndez Romeu. 


Mato asegurou que en cuestión de innovación o momento actual presenta unha serie de retos importantes. Un deles sería a “disrupción” que, a partir da pandemia, representa a toma de conciencia por parte dos países europeos sobre a necesidade de manter a industria propia. “A covid fixo visible a gran dependencia que temos de terceiros países”, lembrou o rexedor ferrolán, que puxo como exemplo “máis patente” o da enerxía, no que Europa lidera o paso da xeración baseada nos combustibles fósiles ás fontes limpas. O alcalde considera que “hai unha ampla marxe para o crecimento” nese eido e que España e Portugal, como países interdependentes dentro dunha “illa enerxética” como é a Península, deben xogar un papel importante. 

Así, “a primeira reflexión que debemos facer é como estamos preparados dentro da eurorrexión para enfrontar ese reto de transformación da xeración enerxética aproveitando as fortalezas que temos: somos territorios vinculados ao mar, temos experiencia en eólica e debemos apostar por abrir novos mercados”, dixo Ángel Mato. Para el, a eólica mariña ou a undimotriz “abren novos escenarios que permitirán ser máis competivos, ao tempo que constitúen unha panca de cambio para acadar unha industria máis competitiva e evitar deslocalizacións”.

Dixitalización Outro 
“factor fundamental” polo que propuxo seguir apostando é a dixitalización, co obxectivo de mellorar a cadea de valor de empresas e industrias “tradicionais”, ao tempo que contribuirá a adaptar os modelos e os centros de traballo de cara ao futuro. 

Nun plano máis xeral, o alcalde de Ferrol chamou a atención sobre as posibilidades que ofrece a incorporación de políticas nesa dirección dende o eido local “para facer máis forte a posición da eurorrexión”, pero procurando evitar que dentro do seu territorio se produzan “asimetrías” socioeconómicas. Por iso, dixo, é preciso ter en conta que a eurorrexión comparte moitas problemáticas, pero as que ten cada cidade ou comarca “non son exactamente iguais”.




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar