O Concello de Ferrol ofrece un segundo curso de
defensa persoal os días 29 de novembro e o 1 de decembro no pavillón de Santa Mariña,
de 9.30 a 13.30 horas, tal e como anunciou esta mañá a concelleira de Muller e
Igualdade, Cristina Prados, quen explicou que dende a secretaría xeral da Igualdade e no
marco do acordo de colaboración asinado coa Federación galega de Municipios e
Provincias de Galicia para a conformación dunha Rede de entidades locais contra a
violencia de xénero, o Concello de Ferrol vai desenvolver dito curso, que busca a
prevención de situacións de violencia de xénero e promover as autocapacidades. O
curso impartirase por persoal especialistas en defensa persoal e integrantes da
Federación Galega de Loita no marco do Día Internacional da Eliminación da Violencia
contra as Mulleres (25-N).
O prazo de inscrición é desde o mércores, 10 de novembro, ás 9 horas, ata o 21 de
novembro, ás 23.59 horas, a través do enlace www.ferrol.gal/defensapersoal25n, que
estará operativo desde o mesmo mércores. Este curso súmase a outro de defensa
persoal, tamén de balde, que terá lugar en colaboración coa Deputación da Coruña polo
25-N o día 27 de novembro no pavillón da Malata. As prazas xa están cubertas.
Actividades de Normalización Lingüística
Prados, tamén concelleira de Normalización Lingüística, deu conta esta mañá na
comisión ordinaria de área das actividades que se van desenvolver ata final de ano. A primeira, dentro do programa Apego, o concerto infantil ‘Rockeando con Ramona
Órbita’, de Pakolas, dirixido ao público familiar, terá lugar o día 11 de novembro.
Trátase dun concerto “cheo de humor no que coñeceremos as aventuras de Ramona
Órbita e a súa máquina do tempo a ritmo roqueiro”, explicou Prados. A entrada será
libre ata encher a capacidade do espazo.
O 13 de novembro a Praza de Amboage terá lugar Vive a lingua, para público
infantil, de 8 a 12 anos (de 16 a 17.30h) e mocidade de 13 a 17 anos (de 18.30 a 20
horas). A primeira será ‘A casa do mago’ e a segunda ‘O misterio das pantasmas’. É
necesaria a inscrición previa no correo https://aventeira.com/vive-a-lingua/. O día 14 de
novembro, ás 19.30 horas, o Teatro Jofre acollerá ‘Libre como os páxaros’, para o
público a partir de 14 anos. Trátase dun espectáculo teatral sobre a figura e obra de
Rosalía de Castro. A entrada é gratuíta e libre ata completar aforo.
Presentación dun poemario inédito de Xohana Torres
A concelleira tamén anunciou para o día 24 de novembro, ás 19 horas, no Torrente
Ballester, a celebración dun acto para a presentación dun poemario inédito de Xohana
Torres.
No marco do programa Apego haberá outras dous actividades no Torrente
Ballester. O día 25 novembro terá lugar o contacontos ‘Como axudo a Antón?’, de Os
Biosbardos, para familias con menores de 3 a 10 anos. Trátase da historia dun neno que
“aínda que non o está a pasar moi ben na escola, poderá recibir a nosa axuda a través
das nosas reflexións”. O acceso tamén será libre.
Por último, o 9 de decembro, Mamá Cabra desenvolverá un obradoiro de arrolos
para familias con menores de 0 a 3 anos, que aprenderán unha morea de nanas para
adormecer, aleitar e gozar da música nos primeiros meses de vida. Para esta actividade é
necesaria a inscrición previa, aberta ata o mesmo 9 de decembro, a través do correo
electrónico gnl@ferrol.es. Cada menor irá acompañado dun máximo de dous adultos.