Novas

luns, 08 de novembro de 2021

Un total de seis empresas presentan as súas ofertas para executar a reurbanización da rúa Pardo Baixo

O concelleiro de Contratación e Urbanismo, Julián Reina, presidiu esta mañá unha nova sesión da Mesa de Contratación


Un total de seis empresas presentan as súas ofertas para executar a reurbanización da rúa Pardo Baixo

Un total de seis empresas presentaron as súas ofertas para executar o proxecto de reurbanización da rúa Pardo Baixo, que saíu a licitación cun importe base de 583.780,62 euros, impostos incluídos. A Mesa de Contratación do Concello de Ferrol celebrou esta mañá unha nova sesión, na que se iniciou o proceso para contratar a actuación, “un proxecto que mostra claramente como é o modelo de peonalización que defende o goberno de Ángel Mato”. 


A intervención busca “unha transformación do espazo público que nos permita o goce e o aproveitamento tendo como eixo condutor a súa humanización”, indicou. Trátase de aplicar “criterios de accesibilidade, rexeneración urbana e respecto ao entorno”, e a súa transformación “funcionará á perfección tanto cun uso compartido entre peóns e establecementos hostaleiros, que son os que predominan na actualidade, coma se máis adiante a tipoloxía dos negocios cambiase”. Con esta intervención “búscase adaptar a rúa ás que van ser as súas novas protagonistas: as persoas”. 

O proxecto implica plataforma única e substituír o adoquín por lousas de granito de 15 centímetros de grosor. Terán 20 centímetros de ancho e unha lonxitude de entre 80 e 160 centímetros. Iso, no referido á zona antigamente destinada ao tráfico rodado. Nas beirarrúas, á mesma altura que a calzada, poñeranse de novo as pezas históricas actuais excepto as deterioradas, que serán substituídas. Os servizos urbanísticos quedarán sinalizados e accesibles mediante argolas de latón. 

Plantación de 19 cerdeiras xaponesas e iluminación 
A transformación da rúa Pardo Baixo contempla, por outra banda, a plantación de 19 cerdeiras xaponesas que contarán coa súa propia rede para regar, por sistema de goteo. Elixiuse a mesma especie de árbores que medran na praza do Callao. Con esta actuación integral abordarase a substitución dos puntos de luz, que se adecuarán ao proxecto de normalización de mobiliario urbano da Magdalena “apostando pola eficiencia enerxética que nos aporta a tecnoloxía led, instalada en catenaria”, lembrou Reina.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar