Novas

mércores, 10 de novembro de 2021

O Concello abrirá unha consulta previa para a redacción da ordenanza de accesibilidade

O edil de Urbanismo e Mobilidade, Julián Reina, explicou esta mañá aos grupos a situación na que se atopa o expediente. Os membros da comisión informativa acordaron a posta en marcha dun prazo de 20 días para a presentación de achegas


O concelleiro Julián Reina deu conta esta mañá na Comisión Informativa de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación da situación do expediente da ordenanza municipal de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas. Trátase dunha norma que co paso do tempo quedou obsoleta e desaxustada tanto á normativa autonómica coma á estatal, polo que anteriores corporacións abriron procedementos co fin de revisala. O último borrador para unha nova ordenanza remóntase ao mandato anterior, pero non chegou a aprobarse. 


A intención do goberno local, segundo explicou Reina, é aproveitar o traballo xa feito e engadirlle as posibles achegas que se presenten no período de consulta previa que esixe a lei. O edil de Urbanismo e Mobilidade manifestou tras a reunión que todos os membros da comisión mostraron o seu acordo en abrir ese prazo, de 20 días, co fin de que entidades e particulares poidan remitir contribucións e propostas. “O fin é buscar o máximo consenso nunha materia na que todos debemos ir da man”, asegurou o concelleiro. Con toda a documentación que se reúna, “debaterase en comisión unha redacción definitiva para a ordenanza”, concluíu. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar