Novas

mércores, 10 de novembro de 2021

O alcalde resalta durante a presentación da oitava edición de Tapéate o “esforzo dos hostaleiros nestes últimos meses”

Ángel Mato anunciou que comeza mañá e remata o día 28. O rexedor estivo acompañado pola concelleira de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus, e o presidente da Asociación de Empresarios da Hostalería de Ferrol


O alcalde resalta durante a presentación da oitava edición de Tapéate o “esforzo dos hostaleiros nestes últimos meses”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, presentou esta mañá a oitava edición de Tapéate, unha cita coa gastronomía ferrolá que celebra a cidade cada mes de novembro co fin de incentivar a actividade no sector unha vez pasada a tempada estival. Trátase dunha iniciativa impulsada polo Concello, a Asociación de Empresarios da Hostalería de Ferrol e a Sociedade Mixta de Turismo. O rexedor estivo acompañado pola concelleira de Turismo e Promoción Económica, María Teresa Deus, e o presidente da asociación, Emilio Vázquez. 


O alcalde anunciou que Tapéate comeza mañá, 11 de novembro, e rematará o día 28. Participarán un total de 16 establecementos: A Confurnada, Ábaco, Alfonso, Bodega de la Estrella, Boss, Sensaciones Carpe Diem Cocina de Brasil, Castilla 75, Catania, La Bahía, El Cid, El Foro, Josefa´s, Parador de Turismo, Picasso, Pousada Galicia Imaxinaria e Vanesa. 

Mato destacou que a iniciativa pretende promover e dar a coñecer a “calidade e riqueza gastronómica da cidade” a través das propostas dos establecementos ao tempo que “incentivar a actividade económica da cidade tras o verán, cando puidemos comprobar a boa tempada que fixeron os hostaleiros de Ferrol”. O rexedor lembrou a aposta do goberno local por divulgar “a calidade da nosa gastronomía a través de iniciativas como esta e como, por exemplo, o proxecto Dieta Ártabra, que recolle multitude de accións para converter a Ferrol nun destino turístico de referencia en gastronomía sostible e saudable”. 

Haberá un premio de 300 euros para o local gañador segundo a opinión do público e tres para as tres primeiras tapas (de tres euros cada unha) de 500, 400 e 300 euros. Ademáis os participantes entrarán nun sorteo de dous bonos, cada un de 100 euros, para consumir na hostalería ferrolá. Pode consultarse toda a información na web municipal https://ferrol.gal/tapeate/ 

Pola súa banda, María Teresa Deus, animou á cidadanía e insistiu no “apoio” do goberno local “ao sector da hostalería e ao produto local que traballan os grandes profesionais que temos na nosa cidade”. Por último, Vázquez recalcou “o alto nivel” da cociña de Ferrol.

Agradecemento ao sector 
O alcalde aproveitou a presentación da oitava edición de Tapéate para agradecer aos traballadores do sector da hostalería “todo o seu esforzo” ao longo dos últimos meses “para que o impacto da pandemia fora o menor posible”. Sen dúbida, dixo, a gastronomía desta cidade “é unha parte fundamental da nosa marca”. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar