Novas

xoves, 11 de novembro de 2021

Unha xornada sobre patrimonio histórico e turismo clausurará mañá o proxecto MMIAH

O alcalde, Ángel Mato, pechará os actos, nos que participarán as concelleiras María Teresa Deus e Eva Martínez Montero. O Centro Torrente Ballester acollerá dúas mesas redondas que serán retransmitidas pola canle de YouTube do Concello


Unha xornada sobre patrimonio histórico e turismo clausurará mañá o proxecto MMIAH

O Concello de Ferrol clausurará mañá o proxecto MMIAH cunha xornada que se desenvolverá no Centro Torrente Ballester. Aínda que non estará aberta ao público, poderase seguir en streaming a través da ligazón https://2ks.es/concellodeferrol/ e despois subiranse á canle de YouTube do Concello. 


O programa abrirase ás 10.00 horas cunha presentación a cargo das concelleiras de Promoción Económica, María Teresa Deus, e Patrimonio Histórico, Eva Martínez Montero. A continuación, entre as 10.30 e as 11.30 celebrarase unha mesa redonda sobre O impacto do MMIAH na posta en valor do patrimonio histórico de Ferrol, Moderada por Martínez Montero. Os relatores serán José Luis Espada, arquitecto municipal responsable do contrato das obras do castelo de San Felipe; Ramón Montero, arquitecto responsable da redacción do proxecto e dirección facultativa das obras da fortaleza, e César Abella, director de Trivium Estratexias en Cultura e Turismo. 

De 11.30 a 12.30, Ana Aurora Villalba, asesora técnica do proxecto MMIAH, e Pablo López, responsable de proxecto de plataforma dixital para a difusión do producto turístico, presentarán o Libro branco do producto turístico ao abeiro do MMIAH. Moderará María Teresa Deus. A clausura do evento, a cargo do alcalde, Ángel Mato, está prevista para as 12.45 horas. 

O proxecto MMIAH, para a recuperación e posta en valor do patrimonio marítimo, militar e industrial da costa atlántica, foi cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (Feder) a través do programa Interreg Espazo Atlántico. Concluíu o pasado 31 de outubro, logo de ser prorrogado durante varios meses a causa da pandemia da covid-19. 

O Concello de Ferrol liderou desde o inicio esta iniciativa, que tiña como último obxectivo promover o turismo cultural como factor de sustentabilidade económica. Participaron no proxecto, ademais de Ferrol como líder, outras oito cidades —Cádiz, Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda)—, e contou cun orzamento total de 3.288.099, 40 euros, dos que o 75 % procedeu do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) e o 25 % restante dos fondos municipais das cidades. 

A Ferrol correspóndelle 554.765,00 euros para os catro anos que durou o programa, dos que 416.073,75 euros procedían de fondos europeos e o resto (138.691,25 euros) da achega do Concello. En 2017, cando comezou o programa a metade de ano, executáronse 11.520 euros; en 2018, 32.145 euros; en 2019, 113.256,66 euros; en 2020, 195.988,53 euros, e na primeira metade do presente exercicio executáronse os 201.854,80 euros restantes. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar