Novas

venres, 12 de novembro de 2021

Ángel Mato na clausura do proxecto europeo MMIAH: “Logramos executar máis do 100% do orzamento, en total 560.000 euros”

O alcalde de Ferrol pechou a xornada que puxo punto e final a unha iniciativa cuxo obxectivo foi conservar e poñer en valor o patrimonio marítimo, militar e industrial de Ferrol. “Dende a chegada ao goberno local decidimos darlle un forte impulso a un plan que tiña un orzamento aprobado de 554.000 euros”, dixo o alcalde na súa intervención


Ángel Mato na clausura do proxecto europeo MMIAH: “Logramos executar máis do 100% do orzamento, en total 560.000 euros”

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, clausurou esta mañá a xornada que puxo punto e final ao proxecto MMIAH, un plan europeo liderado pola cidade de Ferrol e integrado por oito máis —Ílhavo (Portugal), Plymouth e Liverpool (Inglaterra), Caen e La Rochelle (Francia), Limerick e Cork (Irlanda)— que naceu co obxectivo de poñer en valor o litoral urbano do espacio atlántico a través da recuperación de bens asociados ao patrimonio militar, marítimo e industrial das cidades costeiras, facilitar o seu uso social e xerar actividades de valor engadido co fin de promover o turismo cultural como factor de sustentabilidade económica. 


En primeiro lugar Mato destacou o “brillante traballo coordinado” das concelleiras de Promoción Económica, Maite Deus, e de Patrimonio Histórico, Eva Martínez, e do equipo de traballo implicado no seu desenvolvemento. Dende a chegada ao goberno local, dixo, “decidimos darlle un forte impulso a un plan que tiña un orzamento aprobado de 554.000 euros”. O intenso labor que se levou a cabo “fixo posible que a execución final fose incluso maior, xa que acadou os 560.000 euros”, apuntou.

Entre as actuacións que se levaron a cabo está a rehabilitación da torre do século XIX da batería baixa do castelo de San Felipe para convertela en espazo expositivo, as obras para a retirada de diversos elementos descontextualizados tamén no castelo, a creación dun espazo para a divulgación histórico-cultural da fortaleza, adaptando para elo parte das instalacións, a creación unha peza audiovisual sobre a batalla de Brión para exhibir en feiras e exposicións, ademais de darlle un novo pulo aos actos conmemorativos dese enfrontamento, a edición do libro ‘1800. O ataque británico a Ferrol’, a instalación dunha exposición permanente sobre a batalla na sala de Cureñas do castelo, a celebración dun congreso monográfico para a divulgación da candidatura a patrimonio mundial, a organización dunha ducia de charlas e actividades divulgativas en centros de ensino de Ferrol, a edición de 11 vídeos e fotogrametrías en 3D das baterías de costa e a posta en marcha dunha ruta de ciencia do sistema defensivo da ría de Ferrol ao longo da historia. 

“Como se pode ver, aproveitamos magnificamente este programa para recuperar patrimonio e promover a súa difusión, cun dobre obxectivo: cultural e turístico”, afirmou. O MMIAH, dixo, “acadou uns resultados óptimos para a nosa cidade”.  

Pola súa banda, a concelleira de Patrimonio Histórico, antes de moderar a mesa redonda ‘O impacto do MMIAH na posta en valor do patrimonio histórico de Ferrol’, destacou que o programa serviu para “darlle un pulo importante á recuperación do castelo de San Felipe” e tamén para darlle máis forma á candidatura de Ferrol a patrimonio mundial, “que vai pola liña axeitada”, asegurou. 

A responsable municipal de Promoción Económica, que moderou a presentación do “Libro Blanco e do produto turístico ao abeiro do MMIAH”, avanzou que “xa se está avanzando nunha nova convocatoria para darlle continuidade ao programa”. Deus detallou que xa se conta con algún dos socios que participaron na que acaba de rematar, aos que agradeceu o seu traballo, e que se está en vías de involucrar a outros. “O obxectivo é seguir aproveitando todo o potencial que ten Ferrol en canto a patrimonio marítimo, militar e industrial”, concluíu a concelleira. 

Participaron nas mesas de debate José Luis Espada Golpe, arquitecto municipal responsable do contrato das obras do castelo de San Felipe; Ramón Montero Cereijo, arquitecto responsable da redacción do proxecto e dirección facultativa das obras do Castelo de San Felipe; Cesar Abella Vázquez, director de Trivium Estratexias en Cultura e Turismo; Ana Aurora Villalba Barreira, aserora técnica do proxecto MMIAH, e Pablo López Pérez, responsable da plataforma dixital para a difusión do produto turístico.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar