Novas

martes, 16 de novembro de 2021

O Concello recibe o premio de seguridade viaria Educa Ciudad Zero na súa categoría de prata

O concelleiro de Tráfico, Germán Costoya, recolleu o galardón no marco do terceiro Congreso Internacional de Profesionais para a Seguridade e a Educación Viaria, que tivo lugar en Barcelona. O edil destacou que “é unha satisfacción enorme recibir este premio sobre seguridade viaria” posto que “recoñece a Ferrol entre máis de 150 cidades de España” como “unha das que mellor traballa na prevención de accidentes”


O Concello recibe o premio de seguridade viaria Educa Ciudad Zero na súa categoría de prata

O Concello de Ferrol recibiu esta mañá en Mollet del Vallès (Barcelona) o Premio Educa Ciudad Zero 2019 na súa categoría de plata. O concelleiro de Seguridade e Tráfico, Germán Costoya, recolleu o galardón, que se entregou durante a primeira das catro xornadas do terceiro Congreso Internacional de Profesionais para a Seguridade e a Educación Viaria (Cipsevi). Os Educa Ciudad Zero son premios concedidos pola Asociación Internacional de Profesionais para a Seguridade Viaria (Aipsev), creada no 2017. O edil estivo acompañado polo xefe da Policía Local de Ferrol, José Antonio Chao. 


Costoya sinalou esta mañá tras recibir o premio que “é unha satisfacción enorme recoller este premio sobre seguridade viaria” posto que “recoñece a Ferrol entre máis de 150 cidades de España como unha das que mellor vén traballando na prevención de accidentes”. É un “orgullo”, dixo, polo “traballo que se vén desenvolvendo nesta corporación e tamén na anterior” e desexou que “se manteña no futuro” posto que “todos temos o mesmo obxectivo, o de evitar accidentes na nosa cidade”. O premio outorga o recoñecemento ao Concello de Ferrol polo seu compromiso coa Educación para a Mobilidade Segura e Sostible e o seu rexistro de cero vítimas mortais no casco urbano por sinistros viarios no ano 2019. 

Costoya lembrou que nos anos oitenta xa se celebraron na cidade eventos como o Campionato de España de Parques Infantís de Tráfico e o Concurso Nacional de Seguridade Viaria en Ciclomotor. Así, destacou como fitos durante estas décadas a posta en marcha da Unidade de Educación Viaria dentro da Policía Local, a creación dun plan propio de seguridade viaria, o traballo de reeducación e reinserción de infractores, a creación dunha Mesa pola Mobilidade ou, máis recentemente, a instalación das Pequeparadas nas inmediacións dos centros escolares da cidade.

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar