Novas

mércores, 17 de novembro de 2021

O corpo de bombeiros contará cos seus dous camións escada antes de que remate o ano

O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, explicou hoxe en comisión informativa que a subministración do vehículo recentemente adquirido marcha dentro dos prazos e que a reparación do que xa prestaba servizo no parque ferrolán se está ultimando tras unha inspección técnica independente na que se detectou a necesidade de realizar varias melloras


O concelleiro de Seguridade, Germán Costoya, informou esta mañá durante a Comisión de Medio Ambiente, Urbanismo, Servizos, Obras, Seguridade e Contratación que o corpo de bombeiros municipal contará antes de que remate o ano co camión escada recentemente adquirido polo Concello e co que xa viña prestando servizo no parque ferrolán. Sobre o primeiro, Costoya deu conta do estado dos trámites para a súa entrega, que, asegurou, cumpren os prazos previstos no prego de contratación. 


Este vehículo foi adquirido por 248.050 euros. A adxudicación formalizouse a finais do pasado setembro. Servirá para tarefas de extinción de incendios e salvamento nun rango de alturas de ao menos 30 metros e a escada, montada sobre unha base xiratoria, está dotada de varios tramos despregabres mediante accionamento hidráulico. No seu extremo dispón dunha cesta desmontable apta para tres persoas. Segundo as condicións do contrato, a empresa adxudicataria deberá formar ao persoal do servizo municipal de extinción de incendios na correcta utilización e mantemento do camión e os seus equipos durante ao menos cinco xornadas teórico-prácticas e subministrará os repostos necesarios ao longo dun mínimo de cinco anos. 

Respecto do segundo, o edil explicou que xa foi reparado. Este vehículo, o máis novo co que contaban os bombeiros, sufría unha serie de deficiencias que facían inviable o seu emprego. Logo de ser enviado a un taller especializado, o arranxo das avarías prolongouse máis do esperado debido á súa complexidade. Por seguridade, e co fin de revisar esas reparacións, o Concello decidiu someter o camión a unha inspección técnica independente, durante a que se detectaron varias cuestións menores que deben ser amañadas antes da entrega no parque de bombeiros. 

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar