Novas

mércores, 17 de novembro de 2021

Mato destaca o “impulso do Goberno central” á rehabilitación de vivenda e o “compromiso do Concello coa recuperación de espazos públicos” como unha suma de esforzos “en favor da rexeneración urbana de

O alcalde de Ferrol e a subdelegada do Goberno, María Rivas, visitaron un inmoble da rúa Carmen rehabilitado con axudas do Plan Estatal de Vivenda, un programa que contribuíu na última década con 650 intervencións deste tipo nas zonas ARI da cidade. O rexedor ferrolán cuantificou en 13,5 millóns de euros os investimentos municipais no espazo público dos barrios históricos entre os xa executados durante este mandato, os que están en proceso de licitación e os contemplados nos orzamentos


Mato destaca o “impulso do Goberno central” á rehabilitación de vivenda e
o “compromiso do Concello coa recuperación de espazos públicos” como unha suma de esforzos “en favor da rexeneración urbana de

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato, recibiu esta mañá no pazo municipal á subdelegada do Goberno, María Rivas, onde mantiveron unha reunión de traballo para analizar os novos investimentos para rehabilitación residencial e construción de vivenda social postos en marcha polo Goberno central a través dos fondos europeos do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia.


Tras a reunión, Mato e Rivas visitaron un inmoble da rúa Carmen rehabilitado con axudas do Plan Estatal de Vivenda, un programa que contribuíu na última década con 650 intervencións deste tipo nas catro zonas ARI da cidade: Magdalena-Ferrol Vello, A Graña, Esteiro Vello e Recimil. Foron, apuntou, máis de 4 millóns de euros en subvencións que serviron para mobilizar case 12 millóns en investimentos privadas entre axudas e particulares. O rexedor destacou tras a visita o “impulso do Goberno central” á rehabilitación de vivenda e o “compromiso do Concello coa recuperación de espazos públicos” como unha suma de esforzos “en favor da rexeneración urbana”. 

De acordo cos datos que ofreceu o alcalde, dende o 2012 realizáronse na área de rehabilitación de A Magdalena-Ferrol Vello 451 intervencións, que contaron con subvencións por valor de 2.116.739,61 euros por parte do Estado e de 341.415,97 euros correspondentes á parte autonómica. Iso deu como resultado un investimento total, incluídos os fondos aportados polos particulares, de 7.711.997,74 euros. Os datos para A Graña son os seguintes: 27 intervencións, 138.306,28 euros de achega estatal, 44.655,17 correspondente á autonómica e 548.825,52 euros de investimento total. En Esteiro Vello acometéronse 37 rehabilitacións, cunha distribución económica de 93.189,83 euros de subvención do Estado, 15.803,08 da autonomía e un total de 430.427 euros gastados. Finalmente, en Recimil executáronse 134 intervencións, que contaron con 1.103.390,08 en axudas estatais, 295.169,30 en autonómicas e un investimento total de 2.951.693,26 euros. 

O alcalde agradeceu á subdelegada a súa visita á cidade e insistiu na necesidade de colaboración de “xeito coordinado” para impulsar esta “aposta firme e decidida” do Goberno central e o Concello “pola rehabilitación público privada” e a intervención municipal en espazos públicos para acompañar as políticas de rehabilitación urbana.  

Executadas obras en espazos públicos por 1,3 millóns no que vai de mandato
 Mato lembrou que no que vai de mandato se adxudicaron obras por valor de 1,3 millóns de euros en espazos públicos de barrios históricos. Neste momento, dixo, están en proceso de licitación 5,6 millóns máis nestes espazos, ao que se suman 6,6 millóns en investimentos incluídos nos orzamentos municipais deste ano. En total, o rexedor ferrolán cuantificou en 13,5 millóns de euros os investimentos no espazo público dos barrios históricos durante o actual mandato entre os xa executados, os que están en proceso de licitación e os contemplados nos orzamentos de 2021. No referido á rehabilitación de vivenda, o Concello executou 1,8 millóns en melloras en Recimil e reservou 1,5 máis nas contas municipais.

Unha primeira transferencia de 67,2 millóns de euros para rehabilitar en Galicia
 A subdelegada do Goberno na Coruña, María Rivas, agradeceu ao alcalde de Ferrol a “permanente colaboración” do Concello para impulsar “plans e proxectos da Administración xeral do Estado” e lembrou a recente transferencia de fondos “sen precedentes de 67,2 millóns de euros” do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana á Xunta de Galicia para “alcanzar a recuperación económica e social tras a situación pandémica que vivimos”. 

Forman parte da primeira anualidade que xunto á do próximo ano sumarán 134,5 millóns de euros “para os fogares galegos” que agora a Xunta “deberá xestionar” a través de diversas convocatorias. Estímase, dixo a subdelegada, que nesta primeira partida se poderán financiar entre outras máis de 3.000 actuacións en fogares galegos para reducir o consumo enerxético con axudas de ata o 80 % e incluso do 100 % nos casos de vulnerabilidade social e económica. Rivas tamén incidiu en que a comezos de 2022 se aportarán os primeiros 30 millóns de euros para a construción de vivendas para aluguer social en edificios enerxeticamente sostibles que permitirán que Galicia dispoña de 1.100 vivendas deste tipo.

Ferrol, “referente” en política de rehabilitación 
A cidade de Ferrol, dixo Rivas, é actualmente un “referente” pola súa “implicación” e pola súa “política de rehabilitación posto que con 1,7 millóns de euros é o segundo municipio de Galicia, tras Vigo, que máis diñeiro vai recibir na convocatoria xa en marcha de programa de Fomento da Rexeneración e Renovación Urbana e Rural con actuacións nas ARI. Do total, 1,3 apórtaos o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, 400.000 euros a Xunta e o Concello contribúe coa xestión. Dos 1,7 millóns, case 1,2 serán para intervir na ARI Magdalena-Ferrol Vello, 255.000 euros para Esteiro, 170.000 para Recimil e 85.000 para a ARI A Graña. Esta cantidade, puntualizou, supera en máis dun 50 % a cantidade destinada para este fin nos tres últimos anos, de 1,1 millóns de euros, unha tónica que manteremos nos próximos anos. Estímase que os 1,7 millóns de euros permitan rehabilitar arredor de 200 vivendas da cidade. 

Rivas tamén anunciou unha próxima convocatoria para rehabilitar edificios públicos de 600 millóns de euros, que se articulará a través de concurrencia competitiva. A subdelegada indicou que unha vez feitas as transferencias á Xunta é “imprescindible a súa implicación”. Toca, dixo, “poñerse a xestionar para que ditos fondos se poidan executar”.




Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar