Novas

xoves, 18 de novembro de 2021

O Concello ultima obras de aglomerado en varios camiños do rural

A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, acompañada por responsables da obra, visitou esta semana viarios de San Xurxo para revisar a evolución dos traballos. A edil tamén abordou cos veciños as necesidades da parroquia e lembrou que proximamente comezará o aglomerado da estrada Papoi Mandiá, unha obra de máis de 200.000 euros


O Concello ultima obras de aglomerado en varios camiños do rural

O Concello de Ferrol está a rematar a execución de obras de aglomerado en varios camiños do rural. A concelleira de Obras e Servizos, Ana Lamas, acompañada por responsables dos traballos, percorreu esta semana a evolución dos mesmos en tres camiños de San Xurxo, que están a punto de concluír a falta de executar algúns remates menores, pintar as marcas viarias e colocar sinalización vertical. Nesta parroquia actuouse na subida da Regueira e nos camiños do Pincho e de Insua. Os traballos de reparación foron adxudicados por 24.490,99 euros (IVE incluído). 


Lamas lembrou que as obras están incluídas no Plan de Obras e Servizos (POS) 2020 da Deputación da Coruña e incluíron o fresado do pavimento, a limpeza de marxes e o posterior estendido dunha mestura bituminosa en quente. No seu percorrido a concelleira tamén recolleu as necesidades dos veciños vencelladas ao ámbito de parroquia. 

A edil indicou que o Concello tamén está a punto de rematar os traballos de renovación do aglomerado en varios camiños de Doniños: Castro-A Fonte, da Escola e a subida da Fonte, igualmente no marco dos proxectos incluídos no POS 2020 da Deputación. Estas obras foron adxudicadas por 28.336 euros, impostos incluídos. 

Outra intervención no rural por máis de 200.000 euros 
Lamas adiantou que proximamente se iniciará o aglomerado da estrada Papoi Mandiá, incluído no POS+2020, que consistirá no fresado do pavimento existente nas zonas deterioradas, recheo e focheo, selado do firme, limpeza das marxes e outros traballos. A actuación afectará a unha superficie de 27.000 metros cadrados en unha lonxitude de 4 quilómetros, entre o cruce de A Pedra (DP-3602) e o lugar de Cocheras (DP-3603). O camiño sitúase na parroquia de San Uxía de Mandiá e dará continuidade ao tramo xa aglomerado entre a estrada de Catabois e o cruce de A Pedra, sumando entre ambas actuacións un total 5,5 quilómetros de aglomerado. O orzamento do contrato ascende a 201.453,52 euros (con impostos).

Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar