Novas

venres, 19 de novembro de 2021

Alcaldes, Goberno e sindicatos reuníronse no Concello de Ferrol para analizar os fondos de Transición Xusta

O alcalde, Ángel Mato; o delegado do Goberno, José Miñones; a subdelegada, María Rivas; o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; a tenente de alcalde de As Pontes, Ana Pena; e representantes sindicais analizaron polo miúdo os Fondos de Transición Xusta


Alcaldes, Goberno e sindicatos reuníronse no Concello de Ferrol para analizar os fondos de Transición Xusta

O alcalde de Ferrol, Ángel Mato; o delegado do Goberno, José Miñones; a subdelegada, María Rivas; o alcalde de Cerceda, Juan Manuel Rodríguez; a tenente de alcalde de As Pontes, Ana Pena; e representantes sindicais de CCOO, CIG e UGT analizaron polo miúdo os Fondos de Transición Xusta nunha reunión de traballo que tivo lugar esta mañá no pazo municipal de Ferrol. Tamén participou telemáticamente a directora do Instituto para a Transición Xusta, Laura Martín.


Mato sinalou que foi unha reunión "moi positiva" e agradeceu ao delegado do Goberno os anuncios que lles trasladou, que demostran "o compromiso do Goberno" coa comarca. Miñones, avanzou outros 100 millóns de euros para Transición Xusta no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia. Lembrou que Galicia conta cunha asignación de 111 millóns de euros do Goberno para afrontar os retos socioeconómicos vinculados á transición cara á neutralidade climática. O obxectivo dos convenios de transición xusta é crear emprego, garantir a actividade nas áreas afectadas e fixar poboación. Para iso buscan identificar posibles proxectos, investimentos e oportunidades de emprego que garantan a reactivación da zona, baseada nun modelo produtivo diversificado e sostible, xerando novas oportunidades. 

Implican, ademais do Ministerio para a Transición Ecolóxica, o Ministerio de Traballo e Economía Social (con plans de formación para mellorar a empregabilidade ou a reconversión se é necesario); as empresas aos sindicatos e á Xunta.

Foi o Ministerio para a Transición Ecolóxica o que aprobou a concesión de 111 millóns de euros do Fondo de Transición Xusta para a provincia da Coruña, en concreto para As Pontes e Meirama (Cerceda). Os concellos implicados e que contarán con convenios de Transición Xusta son os seguintes: 

- As Pontes conta con 14 concellos: As Pontes, A Capela, Xermade, San Sadurniño, As Somozas, Mañón, Monfero, Moeche, Cerdido, Vilalba, Cabanas, Ortigueira, Muras e Ferrol.

- Meirama conta con 5 concellos: Cerceda, Ordes, Carral, Tordoia e A Laracha.

O delegado do Goberno detallou que durante a xuntanza a directora do Instituto para a Transición Xusta anunciou a presenza dunha persoa en Galicia para coordinar os investimentos e actuacións. Comezará o seu traballo no mes de xaneiro de 2022.

Inclusión de Ferrol
José Miñones subliñou o apoio do Goberno ao futuro industrial da área de Ferrol e de Cerceda. De feito, revelou que a inclusión de Ferrol nos protocolos de transición xusta chegou grazas as peticións do alcalde e os sindicatos, que o Goberno atopou razoables.

O Goberno impulsará un plan de formación para as zonas afectadas e transferirá outros 20 millóns de euros ás comunidades autónomas para esta materia, que implicará directamente á Xunta de Galicia. A formación do Executivo constará de dúas etapas e terá elementos como cursos de transición enerxética ou emprego verde, todo vinculado á aposta por manter a poboación nos concellos afectados.


Utilizamos cookies propias e de terceiros para mellorar a experiencia de navegación, e ofrecer contidos personalizados. Ao continuar coa navegación entendemos que se acepta a nosa política de cookies.

Pechar